Por
Pepe de Rocaforte
Este texto fíxome
lembrar os nosos bandos de estorniños nas súas evolucións, veloces puntos
negros en formacións compactas que tan pronto se esvaecen ó lonxe como
reaparecen en reviravoltas inesperadas cando o ceu empeza a adquirir a cor das
súas plumas nestas tardes pinchadas pola friaxe invernal.
Nun primeiro momento
pensei que “corvos” sería unha tradución errónea. Logo supuxen que a escritora
norteamericana tal vez non sabería ben a que especie pertencían aquelas aves
que se pousaban na árbore diante da súa casa. Ou ben podíase tratar dunha caste
de corvos diferentes dos de aquí.
En fin, sexa como
sexa, fíxome lembrar de cando empecei a me fixar nas evolucións aéreas dos
estorniños, hai anos xa, en Tarragona, véndoos chegar por milleiros nas tardes
de outono sobre o mar, cara ó Balcón do Mediterráneo, para írense asentar nos
plátanos da Rambla, entre a follaxe dourada que empezaba a caír, no medio dun
escándalo de rechouchíos e acrobacias de Príncipes Cantacuzenos en voos sen
motor.
Xa á noitiña compría
camiñar con coidado polos paseos para non ser vítima dos seus excrementos
corrosivos que enchían de porcallada os coches aparcados debaixo, e para
espantalos a policía municipal disparaba ó aire cartuchos sen balotes que os
facían erguer de novo o voo nun algareo alporizado, máis breve desta volta,
sobre as vías do tren e o anfiteatro romano, para regresar pouco despois o
mesmo punto de onde os fixeran fuxir.
De tanto admirar as
súas acrobacias pensei en escribir un relato sobre eles, pero non se me ocorría
cousa ningunha ó xeito e deixeino. Despois comprobaría que houbo máis
escritores que, de maneira máis ou menos marxinal, se ocuparon do tema, desde
Garcilaso, na súa Égloga Segunda: ...entonces siempre, como sabes, anda / de
estorninos volando a cada parte / de acá y de allá la espesa y negra banda...
ata algún escritor galego, Manolo Rivas, paréceme, aínda que agora mesmo non
estou moi seguro. Así que ¿para que insistir no tema?
É-che outro caso de beleza à distância... em quanto se achega o objecto... logo mostra as suas falências...
ResponderEliminarJose, deverias juntar estas reflexons num volume...
Josema.