Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de novembro de 2025

Corpos incorruptos

                        


É sorprendente esa historia que nos conta García Márquez, de cando Margarito Duarte, nunha pensión de Roma, abre a súa maleta de pino lustrado e aparece ante os ollos de quen alí estaba unha rapaza vestida como unha noiva, aparentemente durmida. O bo de Margarito viaxara cos cartos dunha colecta pública dende os Andes coa misión de expoñer diante do Vaticano aquel milagre propio da santidade, como a mociña se conservaba coa pureza que tiña en vida, a pel suave e o pelo que seguía medrando e desprendendo un aroma a rosas, mentres que as flores con que fora enterrada estaban murchas. Os veciños que tal viron recoñecían naquela nena e naquel milagre algo sobrenatural, e só faltaba a confirmación da autoridade papal para presumir na súa aldea dunha santa de carne e oso.

Lembrábamos con Xulio esta historia mentres limpábamos e adornábamos os nichos e sepulturas familiares, e falábamos co enterrador da nosa parroquia, quen andaba enfaenado nos seus labores e non tiña boa cara. Ninguén ten boa cara despois de abrir un nicho e retirar os restos dun finado para deixarlle sitio a outro. Contaba aquel que un nunca se acostuma a ver o que quedou de alguén a quen se coñeceu en vida, con quen departiu algunha que outra conversa ou, sendo rapaz, lle ía por tabaco. “Un enterrador non debería exercer na vila onde se criou”, dicía. E aseguraba que peor é cando abres un sepulcro e encontras un corpo incorrupto. Unha anomalía contra natura, porque non son ósos que se desencaixen para meter nunha bolsa e ó cinceiro.

Xulio quería saber que se facía en tal caso, porque ó seu entender un corpo incorrupto é o que se nega a desaparecer, en opinión popular co beneplácito da divindade, e eu escoitaba sen meterme na conversa pero tamén sentía curiosidade. “Nada, déixase onde está e ó novo búscaselle outro sitio”.

A nosa terra non é dada a conservar restos orgánicos. Que llo digan ós arqueólogos, que moito encontrar doas, torques e restos de cacharros de barro pero nada de carne. Talvez por iso, un corpo incorrupto sempre se tomou por un sinal diferenciador co resto dos mortais. Segundo o enterrador, aínda que raro, algún caso tense dado. E contounos que, dun en concreto, falouse co párroco por se o finado levaba a aureola da santidade, pero o crego dixo que diso nada, que aquel por non cumprir nin cumpría coa misa dominical. Pero a familia estaba en que o seu parente fora sinalado e merecía un lugar especial dentro da igrexa, unha peaña ben iluminada e unha caixa para as esmolas.

Lembrei como remataba o conto de García Márquez, que o Margarito chegou a vello, despois de sobrevivir a cinco papas e aínda seguía esperando que o chamasen do Vaticano.

Este veciño noso tampouco é santo porque a autoridade non o quere, pero un sobriño seu contounos que súa nai, antes de operarse dos cadrís pediulle ó tío que intercedese por ela, e a operación saíu moi ben, polo que asegura ela con certa lóxica, que santo non será pero aí arriba debe ter moi boa man. E concluía a boa señora mentres pasea sen caxato, que a Igrexa de santidade só sabe o que lle convén.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

sábado, 24 de maio de 2025

Cara ó vindeiro Día das Letras

 

          

Manoel Riveiro Loureiro

  

Pasou o día e pasou a romaría, pero a celebración das letras non acaba con un día de festa, como non acaba a reivindicación da fala, que unha vez máis lembro que deberíamos celebrar cada 18 de maio, aniversario da creación das Irmandades, e así, con dous días temos reivindicado o idioma: as letras e a fala. Os dous piares que o sosteñen para que non quede coxo. Aínda que este ano, co protagonismo dado ás cantareiras, intérpretes da poesía popular, cantada ou recitada, adiantouse o que sería unha celebración máis propia do día dezaoito, a pesar de que, segundo parece, esqueceron lembrar os regueifeiros, brindeiros e demais poetas populares cunha capacidade creativa e interpretativa como moi poucas veces se dá.

E agora a pensar no vindeiro ano. Dentro duns días a Real Academia, decidirá quen vai ser a persoa representante das letras para que biógrafos e editoriais, con afán comercial, se poñan mans á obra e todos empezaremos a facer apostas e propostas dando razóns de peso para que se honre a fulano ou fulana, cada quen tirando para os seus e sempre que leve máis de dez anos fóra deste mundo. E eu, que sen ter voz nin voto nesta elección tamén teño preferencias, xa sexa por amizade ou por outro tipo de simpatía, nestas datas sempre me lembro deses amigos con quen teño compartido charlas e lecturas, e agora xa non están entre nós. Lembro a Riveiro Loureiro e a súa bonhomía, un home que tocou moitos oficios, na terra, no mar e na emigración, pero sobre todo que nos deixou unha grande cantidade de obras tanto de narrativa como de teatro, moitas delas recoñecidas con importantes premios, falando sempre dos menos favorecidos da sociedade. A Xosé Fernández Ferreiro, quen non só foi un escritor recoñecido con distintos galardóns, senón tamén un innovador (a el debémoslle a primeira novela de vaqueiros en galego e con protagonista galego), de quen no vindeiro dezaseis de decembro se cumprirán os dez anos do seu falecemento.

Xosé Agrelo

E que me perdoen tantos e tantas que por razóns de espazo non podo incluír neste breve apuntamento; mais, por facerlle caso a este corazón barbanzán, non podo esquecer a Pepe Agrelo, quen, ademais da obra escrita que nos deixou, foi o artífice de distintos grupos de teatro que permanecen na nosa memoria, e máis de un que aínda sube ós escenarios. Agrelo tamén entendía que o idioma son letras e fala.

E como nos iamos esquecer do cura de Fruíme, esa reivindicación que dende Lousame se espalla por toda a bisbarra. Diego Antonio Zernadas e Castro, que aínda que nacido en Compostela deixou unha profunda pegada na Barbanza, sobre todo polo profundo interese pedagóxico que tivo preparando pequenos textos teatrais para que os seus fregueses, ó tempo que se divertían aprendesen sobre as cousas da vida e tamén da relixión que el defendía.

Como a esperanza é unha porta ó porvir, calquera que sexa a vindeira persoa homenaxeada, benvida sexa, mais eu, como veño reivindicando ano tras ano, sentiríame máis satisfeito se coas letras tamén se botase un aturuxo pola fala, non vaia ser que por coincidir o 18 de maio co día dos museos acabemos celebrándoo dentro dunha vitrina.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).