xoves, 20 de abril de 2017

HERMINIA BORRELL



Por Pepe de Rocaforte

Herminia Borrel, cuadro pintado por Elena Olmos Mesa

Trátase dunha suposición un tanto fóra de lugar, máis ben imposible por diversas razóns, pero por unha vez imaxinemos que en lugar da antipatía instantánea que Kalouste Gulbenkian debeu sentir cara Herminia Rodríguez-Feijoo Borrell cando seu fillo Nubar casou con ela, o magnate armenio admitise de bo grao á súa nora e decidise cambiar para A Coruña a súa residencia lisboeta, ganado polas dotes sedutoras da coruñesa, ¿non poderiamos gozar hoxe nesta pequena cidade do noroeste das instalacións da Fundación Gulbenkian actualmente ubicadas en Portugal?

     Non sucedeu así, claro está. E aínda parece ser que se Gulbenkian doou catrocentos vinte millóns de dólares para a instalación da súa fundación en Lisboa, non foi precisamente por unha especial antipatía contra Herminia, senón por causa dos continuos desencontros (económicos principalmente) co seu fillo.
     Pero non son os posibles motivos causantes do comportamento do millonario armenio os que me interesan. Atráeme máis a figura de Herminia Borrell, descendente dunha familia acomodada de Camariñas, que acadara unha considerable fortuna en Cuba, gracias á cal, ademais de ás súas dotes persoais, Herminia brillaría na sociedade coruñesa de principios do século XX, á que foi presentada nunha festa dada por Emilia Pardo Bazán no seu pazo de Meirás.
     E non só chamou a atención na Coruña. Desprazada a Londres para practicar o inglés, tamén alí destacaría axiña pola súa beleza e a súa desenvoltura tan “anos vinte”. Alí coñecería en 1918 ó rico herdeiro armenio, Nubar Gulbenkian, e tanta foi a atracción exercida sobre el, que un ano máis tarde o fillo de “Mister 5%”, viaxaría á Coruña para se ver con ela e, a raíz desta viaxe, anunciar o seu compromiso matrimonial.

     O casamento celebrouse en Londres en 1922 e o matrimonio durou seis anos, vividos entre viaxes e continuas festas. Pero, o que son as cousas: durante unha estancia en Francia, en Deauville, Nubar ficou prendado por unha nova beleza e Herminia non estivo disposta a consentilo. Solicitou o divorcio e, con trinta anos e a súa beleza en plenitude, regresou á Coruña, onde levaría un modo de vida un tanto sorprendente para a sociedade local daquel tempo.
     Afeccionada ó deporte, montaba en bicicleta e en moto. Máis tarde mercaría un coche, un “seiscentos”, para vivir a cabalo entre a cidade e o seu pazo de Sigrás, moi próximo ó actualmente propiedade  de Amancio Ortega, outro magnate coruñés cunha fortuna tanto ou máis importante que a de Kalouste Gulbenkian no seu tempo.
     Logo, un día de 1971, coas facultades mentais moi mermadas, solitaria no seu pazo, Herminia foi atopada moribunda, coma unha indixente,  entre luxosos mobles e obras de arte, restos da súa fortuna. Levada ó hospital, morrería pouco tempo despois. Tiña entón 74 anos.
Se pensamos que Herminia Borrell non foi unha persoa destacada por unha dedicación filantrópica ou intelectual, non foi unha científica, nin unha artista, pintora ou escritora, a pervivencia do seu atractivo procede sen dúbida da modernidade da súa figura anti-convencional, rompedora de moldes e estereotipos, perfectamente captada nese retrato, hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña, que tan ben reflexa o seu carácter forte e altivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario