As mans que ameazan o destino.
Eugène Pottier naceu en 1816, en plena revolución industrial, cando a máquina de vapor comezaba a substituír a man de obra e a clase traballadora vía perigar os seus postos de traballo. O mesmo ano no que se inventa o estetoscopio e se fan as primeira fotografías. En pleno auxe da enxeñería e a tecnoloxía, que estaba entrando pola porta grande a unha velocidade devastadora, trocando a forza dos brazos pola das bielas.
Os obreiros comezan a manifestarse e agruparse en sociedades a fin de evitar os abusos e despidos masivos que se aveciñaban.
Nese entorno, mentres aprendía o oficio de seu pai, Eugène, con catorce anos escribe un poema titulado Viva a liberdade. Pero axiña se decatará de que, para facer chegar eses versos, de temas sociais e reivindicativos, a máis xente, debe adaptalos á música das cancións populares. Así se vai formando como poeta cando o traballo llo permite.
Con trinta anos participa activamente nos movementos obreiros e dedica unha boa parte do tempo a debuxar estampados para teas, sen deixar de escribir poemas que acabará recollendo baixo o título de Cantos revolucionarios.
Tras a guerra franco-prusiana, créase a Comuna de París, da que chegou a ser alcalde dun dos distritos por votación popular, co fin de paliar as carencias sociais que provocara a guerra, abolindo os alugueres, permitindo que os obreiros xestionasen as fábricas que foran abandonadas e creando garderías para acoller ós fillos da xente traballadora, a fin de dar máis facilidades de emprego, pero tamén animando á participación de todos os cidadáns nas asembleas con voz e voto. Pero o goberno provisional non tardou en sacar as tropas á rúa para reprimir aquel intento de socialización, obrigando a Pottier a exiliarse, primeiro en Inglaterra e logo nos Estados Unidos, onde exerceu de profesor ata que unha amnistía, oito anos despois, lle permite volver a Francia con ánimos renovados no labor socialista. Deulle remate ós seus Cantos revolucionarios, que serán publicados en 1887, no ano da súa morte, nos que inclúe o poema A Internacional, que escribira en tempos da Comuna de París, e que acabará sendo o himno obreiro que cada primeiro de maio percorre as rúas de todo o mundo.
Cinco anos antes, en 1883, Pottier presentárase con este poema a un concurso de canto, adaptándoo, segundo o seu costume, á música dunha canción popular, e acadará un segundo posto. Pero non sería ata a súa morte, cando o seu amigo Gustave Delory, dirixente socialista e director dunha coral de traballadores, lle pide ó músico Pierre Degeyter que lle poña música para poder incluílo no repertorio da coral que dirixe.
A peza foi estreada o 23 de xullo de 1888 pola “Lira dos Traballadores”, na taberna “Liberté”, de Lille, uns seis meses despois de morrer Pottier. Unha canción que axiña se converteu en himno dos obreiros e, anos máis tarde, cando triunfa a revolución rusa, tamén Lenin a converte en himno da Unión Soviética, ata 1944, en que foi substituído, pouco despois de modificar a constitución e de liberar ó país da invasión nazi.
A Internacional, a pesares de que aínda hai países que a teñen prohibido por considerar que vai contra o sistema, posiblemente sexa a canción máis versionada do mundo, e tamén a máis traducida.
Francisco Ant. Vidal.
Murguía fala en varias ocasións dos Mártires de Carral, a quen chama “Mártires da Liberdade”, vítimas dunha revolta que aconteceu cando el só tiña trece anos, no que define como unha curta primavera, cando un grito de liberdade lle fixo estremecer o corazón. E conta como viviu aqueles feitos a mediados do mes de abril de 1846, un xoves de feira en Santiago, en que se suspenderon as clases e el cos seus amigos (rapaces inocentes) foron xogar ós campos da contorna do convento de san Francisco ata que un sarxento os increpou para que marchasen ás súas casas. E aló foi el para a farmacia de seu pai, entre o estrondo dos disparos e os soldados correndo a ocupar tellados e fiestras.
A guerra, que se desprazou de Cacheiras a Compostela, comezara realmente o dous de abril, cando o xeneral Solís, afín ós movementos progresistas e contrario ó goberno de Narváez fai un pronunciamento en Lugo, ó esclarecedor berro de “Gallegos: españoles todos: viva la reina libre, viva la Constitución, fuera extranjeros, abajo el dictador Narvaez, abajo el sistema tributario”.
A noticia desta proclama percorre o país, e secundan a Solis dende Pontevedra, Vigo e Tui. En A Coruña apúranse a meter na cadea ós liberais antes de que fagan outro tanto, e en Compostela fórmanse os batallóns literarios de apoio ó pronunciamento.
O día quince, os progresistas reunidos en Santiago constitúen a Xunta Superior do Goberno de Galicia, con Antolín Faraldo como secretario, pero o goberno non perde tempo e manda os seus exércitos contra as tropas liberais.
O enfrontamento ten lugar en Cacheiras o día 23 de abril, dende onde, os vencidos, maioritariamente estudantes e paisanos sen formación militar foxen, na procura dun refuxio, a Santiago, onde ó son dos disparos as tendas pechan mentres os soldados dun e doutro bando se perseguen entre os calellos da cidade.
Murguía, cóntanos como nun determinado momento o ceo cóbrese de nubes e cae sobre a cidade unha enxurrada durante a que por un intre todo fica en silencio, pero en canto escampa volven os disparos a retomar o protagonismo daquela tarde, cando alguén chama á porta da botica e, con máis medo ca hospitalidade, ábrenlle a uns soldados que deixan a un mozo ferido de morte, un tenente que roldaría os vinte anos, loitador dunha causa perdida, exemplo de ilusión e fracaso naquela curta primavera que floreceu con esperanza e axiña se murchou.
Logo a historia xa a coñecemos todos, Solís e os seus oficiais foron pasados polas armas en Carral, temendo a reacción dos liberais coruñeses se entraban con eles na cidade, e foron enterrados no cemiterio de Paleo nunhas lápidas sen nome o día 26 de abril.
Murguía lamentou en varios artigos o fracaso daquela curta primavera que dez anos despois, cando o Patriarca escribe sobre o significado daquela revolta, o novo goberno declara os fusilados beneméritos da Patria e o Congreso concedeulles a cruz do valor. Pero aínda tardarían varías décadas en erixirlles o monumento que hoxe os homenaxea en Carral. Un monumento que, en opinión do Patriarca, xa o tiñan erguido no corazón dos galegos.
Tamén di Murguía que aquel foi o xermolo do galeguismo, para que Galicia deixara de ser, en palabras de Antolín Faraldo, unha “colonia” do Estado.
Francisco Ant. Vidal
Por Pepe de Rocaforte
Neste barrio instalouse, no ano 1849, unha das industrias emblemáticas de Ourense na segunda metade do século XIX ata inicios da segunda metade do século XX: a fundición do Malingre, coa alta cheminea e a sirena que ó longo de cen anos sinalou as horas laborais da cidade coas súas chamadas á entrada e saída dos obreiros.
Hai cen anos a Marquesa de Atalaia Vermella, máis coñecida como Doña Angelita Varela, mandou construír na rúa de Erbedelo, preto da hoxe desaparecida fundición do Malingre, un conxunto de edificacións destinadas a museo e orfanato de nenas: a Fundación do Santo Anxo, instalada nun conglomerado arquitectónico en estilo neogótico, "un dos monumentos de máis engado en Ourense", no que entre outros tesouros se conserva unha imaxe gótica de Santa Ana, da escola de Pedro de Mena, unha escultura de Asorei, cadros de Sorolla, Lloréns, Fierros e Pradilla, esmaltes de Limoxes e cerámicas de Sargadelos, Sevres e Talavera.
E nesa mesma rúa de Erbedelo, a pouca distancia, érguese o Santuario Votivo de Fátima, cuns conxuntos escultóricos esculpidos por Antonio Failde no frente do edificio.
Deses monumentos e de moitas cousas máis que conforman a peculiar personalidade deste barrio trata don Xosé Álvarez González na súa “Historia de O Couto”, editado en 1993 pola Deputación de Ourense e que, como me pasa case sempre, atopei mentres buscaba outro libro que leva días resistíndose a me aparecer.
Repasando as páxinas desta Historia do Couto atoparemos noticia dos vellos camiños, como a corredoira de San Clodio, que formara parte dunha vía romana de tempos de Caracalla, e que en sentido transversal corría desde os Baños de Bande a Lugo; da rúa da Fonte do Bispo, que levaba ó Castelo Ramiro; do camiño vello de Reza, ou dos de Rabodegalo.
E poderemos ler anécdotas curiosas, como o porqué do nome do "Salto do Can", evolución dun "Santo do Can", San Roque, de quen se celebraba a refesta á sombra dos piñeiros mansos, no lugar da campiña do Silva e do Lloves, sobre a pendente a cuxos pés se abre paso o río Barbaña, camiño da súa reunión co Miño.
Tamén encontraremos datos sobre xente nacida no barrio, ou que viviu alí, como don Marcelo Macías, ou o doutor Manuel Sas, "o médico dos pobres", que no portón da casa tiña un letreiro con este anuncio: «Los jueves consulta gratis». Tamén alí nacido, o 10 de agosto de 1877, foi o crego Basilio Álvarez. E o poeta Manuel Luís Acuña. E o dandy Antonio Rei Soto, que foi capelán da Fundación do Santo Anxo. E moitos outros, de maior ou menor sona, de quen dá noticia esta “Historia de O Couto”, do crego don Xosé Álvarez González, que recomendo a todos cantos se interesen polas pequenas historias de Ourense.
Estoutro día transplantei un aguacate e secoume. Está visto que isto da agricultura non é o meu. Seguramente non escollín ben o momento ou o lugar. Tampouco sei de ningún refrán que aconselle cando facelo, porque o aguacate é planta foránea e o seu cultivo aínda non entrou no noso refraneiro, como si están outros moitos, tal os recollidos por don Pedro de Merille no seu libriño de 1906, Refraneiro agrícola-metereolóxico, que tanto consulto, xunto co amigo Carlos, quen mos lembra cada pouco, tal aquel de “se queres ter bos alliños plántaos polo san Martiño” ou “para plantar fabóns bótaos polo san Simón”.
Hoxe temos un montón de recursos técnicos para arremedar a arte labrega dos nosos maiores, que asociaban as faenas do campo coa lúa e co santoral, algo que os novos afeccionados á agricultura tratamos de seguir con mellor ou peor fortuna.
O que sempre me intrigou é saber como fixeron os antigos para pasar da recolección ó cultivo. Certo que alguén, vendo que os pexegos eran saborosos, coidou da árbore que llos daba, e cando viu que do froito saía outra nova planta, afanouse en plantar caguñas de pexegueiro, cerdeira, maceira e todo cando se lle poñía diante. Pero como se chegou a esa conclusión cos cereais é algo difícil de entender, porque por moi listo e visionario que calquera daqueles fose, non ía pensar en plantar trigo para inventar o pan, o produto elaborado básico en todas as culturas e en todos os tempos, tanto que ata se asegura que a comida sen pan nin no inferno a dan. E mirade que son malos os do inferno.
Xulio tenme dito que a agricultura naceu en terras do que hoxe se coñece como Oriente medio e viaxou a través de Europa a unha media de un quilómetro por ano, de maneira que o que alí aprenderon nun determinado momento tardou máis de dous mil anos en cruzar os Pirineos, ou o que vén sendo o mesmo, que tardamos máis de dous milenios en coñecer o pan. Agora, por uns restos carbonizados que se atoparon ó nordeste do Xordán, descubriron anacos de miolo con catorce mil catrocentos anos de antigüidade, algo así como de catro mil anos antes de que se dataran as primeiras ferramentas agrícolas, o que nos fai supoñer que ese pan estaba feito con algún cereal salvaxe, sen cultivar, que aqueles cazadores e recolectores deberon ir polas chairas apañando grans de avea ou trigo, logo a alguén ocorréuselle machucalo, mesturalo con auga e poñelo ó lume. Tal vez buscaron a maneira de enfornalo, a carón dunha fogueira ou sobre unha pedra quente, e despois daríanllo a probar a algún escravo, prisioneiro ou ó can da casa, e cando viron que aqueles pasaban a lingua polos beizos tamén eles o probaron. E aí comezaría unha guerra para apoderarse dos campos de cereais, ata que a algún pacifista se lle ocorreu sementalo e facer as paces cos veciños, mentres algunha outra cousa, ouro, diamantes ou petróleo, non os levase a declarar unha nova guerra.
E despois daquel primeiro pan, como sabedes, inventouse o muíño, a peneira e o forno. E a iso xa se chamaba civilización; e con ela tamén chegou a discusión de se é mellor o pan de Carral, de Neda, de Cea ou de Ousá. E a isto chámaselle competencia.
ALGUNS ARGUMENTOS PARA DATAR O NASCIMENTO DE
ROSALIA DE CASTRO
O 23 DE FEVEREIRO DE 1837
1. Segundo se pode aprezar no documento adjunto, o 24 de fevereiro (de 1837 e non de 1836, como o rexistrador marrou), é a DATA DE BATISMO,nom especificando dito documento quando foi que a nossa escritora nacional nascéu, dado que, normalmente, quando o documento é completo, vem a seguido do dado de batismo. Entom nom se pode asegurar que a infanta nascera nese próprio dia, é mais, non era corrente batizar o recém o mesmo dia do parto.
2. O próprio M. M. Murguia, na sua obra incompleta Diccionario de escritores gallegos (1862), val dizer, em vida de Rosalía, escreve: “Nació en Santiago el 23 de febrero de 1837…”
3. Na dedicatória de Follas Novas (1880) “Ós señores da Xunta Directiva e máis individuos que compoñen a Sociedade de Beneficencia d’os Naturales de Galicia n’a Habana”, asina: “Rosalía Castro de Murguía, Santiago 23 de febreiro 1880”.
Lembremos, daquela, a data em que ela mesma dedicara Cantares gallegos (1863) a seu home (na realidade a Fernán Caballero), precisamente no dia do seu aniversário, 17 de maio; ben se desprende que era costume deles fazer-se mútua homenagem nas datas de natalício respectivas.
Cuido por tanto que, à hora de biografar nossa Rosalia cumpriría, quando menos dar as duas datas como alternativas.
José-Ma. Monterroso Devesa (2012)
Por Pepe de Rocaforte
Poza de la Sal é o nome dunha pequena vila da bisbarra burgalesa da Bureba a onde un día cheguei case casualmente, sen a menor idea do que era un diapiro, nin ter ningún interese en saber como se facía a explotación dun mineral de tanta importancia que foi utilizado ata as proximidades da época moderna como medio de pago, de onde, como xa sabemos, procede a palabra “salario”.
Con estes antecedentes cheguei formando parte dun grupo en visita turística a un centro de interpretación na antiga “Casa de la Administración de las Salinas Reales” de Poza de la Sal, resignado a soportar un cognazo de explicacións sobre a historia das minas e como se traballaba para extraer o sal desde antes da dominación romana.
Pero para a miña sorpresa persoal e a da maioría dos que formaban parte do grupo, despois das primeiras frases de presentación da guía encargada de nos atender, o noso interese e a nosa atención foi en aumento ata quedarmos literalmente prendidos das palabras daquela muller que nos facía partícipes do seu entusiasmo á hora de explicar como, nunha época na que aínda non se formulara a teoría dos vasos comunicantes (hoxe sei que eso non é así, porque, segundo nos explica a wikipedia, un tal Filón de Non Sei Cantos xa descubrira esa lei no século III a. C.), utilizábase aquí un medio de extracción do sal polo procedemento de botar auga nun pozo perforado a certa altura e comunicado con outros pozos coa boca a un nivel inferior. Algo con certo parecido ó que tamén os romanos utilizaron para extraer ouro nas Médulas galaico-bercianas.
Aquí a auga orientábase cara o chamado diapiro, palabra que ningún dos que atendiamos á charla oiramos nunca, polo cal, para coñecemento do lector, por se acaso el tampouco a oíu, traslado unha definición non excesivamente clara que acabo de ver en internet: “O domo salino é unha masa intercalada entre estratos sedimentarios que, a baixa temperatura, adquire forma de cilindro ou cogumelo de sal de gran tamaño (de centos de metros a tres quilómetros de diámetro), denominada diapiro, que tende a ascender provocando a súa deformación e rotura”, e que, continúo eu, ten un movemento similar ó da lava no cráter dun volcán en erupción.
Para chegar ós filóns de sal cavábanse, como digo, pozos de arredor dun metro de diámetro e uns corenta metros de profundidade, comunicados entre si por medio de galerías subterráneas. Logo, polo pozo situado no nivel superior, facíase baixar a auga recollida previamente en estanques aínda a maior altura para disolver o sal converténdoo en salmoira e facéndoo saír polos diversos pozos inferiores, onde se extraía e se estendía en depósitos rectangulares de escasa profundidade onde o sol provocaba a evaporación da auga, nun proceso similar ó das salinas da beiramar. E ata aquí colorín colorado.
Lamento que esta explicación non sexa máis clara nin teña o contido emotivo que a nosa guía lle soubo dar enchendo de amenidade a nosa visita. Cóntoo nun desafortunado resumo, esquecidos ó día de hoxe o estilo e boa parte das informacións con que aquela muller nos regalou un entusiástico canto ó diapiro de Poza de la Sal, segundo ela o máis importante do mundo, ou un dos máis importantes, especialmente polas facilidades que ofrece para o seu estudio científico, atraendo a gran cantidade de investigadores de boa parte dos países de Europa e América, que veñen á Poza do Sal para estudiar este curioso fenómeno.
Chegados aquí, como sempre se pode atopar tempo para todo, voume permitir facerlles unha recomendación: Se viñeron ver as minas de sal, aproveiten o día para lle xirar tamén unha visita á vila e o seu recinto medieval, cunha ben conservada muralla do século XIII; paréceme que paga a pena. E de paso vexan o busto erixido a outro entusiasta divulgador da fermosura da natureza e da fauna salvaxe, Félix Rodríguez de la Fuente, nacido nesta vila e sobradamente coñecido, polo menos por quen xa somos un pouco maiores e pasamos algúns momentos felices seguindo os seus programas televisivos sobre os lobos e outras especies animais.
E apurando a cousa un pouco máis, se o tempo non lle mete présa, non se vaian sen facer unha parada na vila de Oña, a dezaseis quilómetros, co seu monumental mosteiro, construído entre os séculos XI e XVIII, o segundo monumento en orden de importancia (despois da catedral de Burgos) nesta provincia, moi maltratado pola administración, case sen recibir subvencións para o seu mantemento, segundo nos contou o guía que nos pastoreaba por aquel enorme e incrible edificio. E xa de paso non se esquezan tampouco de facer, vinte e cinco quilómetros máis adiante pola mesma estrada, outra paradiña en Frías, vila apolicada nun incrible picacho desde onde outea afastados horizontes, e comparen coas de Cuenca as súas casas colgadas.
Non sei de ningunha imaxe de santo Olaf en terras de Tui, porque este santo, a quen o calendario cristián celebra o 29 de xullo, non ten moi boa prensa entre os tudenses.
Coma todos os nórdicos tiña a mala fama de andar arrasando aldeas e cidades investido na condición de viquingo, que viría a ser como pirata na terminoloxía que acabou impoñéndose para definir a aqueles homes e mulleres procedentes dos fiordes, botados á ventura do mar na procura de novos lugares de asentamento, terras máis cálidas e doadas de traballar a troco de prestar servizos espada en man no conflitivo mundo que lles tocaba vivir, pero cando a fame apertaba tamén asaltaban a quen fose e onde fose amparándose nas imaxinadas mensaxes dos seus deuses contra todo aquel que non rezase coma eles. E nisto non eran distintos dos cruzados ou dos sarracenos. E Olaf, quen en vida non foi ningún santo, prestaba a súa man de obra, espada en alto, a quen a solicitase a troco de fincas para xubilar ós seus feridos de guerra, anciáns ou viúvas con orfos, e algún que outro botín para comerciar nas feiras.
Así nolo narran as sagas nórdicas, tan cargadas de fantasía como as haxiografías cristiás, falándonos de grandes heroes, conquistadores astutos e valentes homes e mulleres agraciados polos seus deuses, que en máis dunha ocasión baixaban á terra para loitar man con man cos seus protexidos, abríndolles camiños incribles entre a néboa ou soprando nas velas dos seus barcos para levalos a bo porto. E un deses grandes heroes era Olaf Haraldsson a quen o mesmo Odín sacou da trampa dun fiorde atascado con pedras para obrigalo a encallar, pero o seu deus, facendo subir a marea como o deus bíblico fixera contra os exipcios que perseguían ós hebreos, habilitoulles un paso franco.
Nesa ansia de conquista e procura do benestar aseguran que foi el quen chegou a Tui, púxolle sitio á cidade, arrasou todo e secuestrou ó mesmo bispo, polo que Tui perdeu a súa condición de cidade episcopal e pasou a depender durante varios anos de Compostela.
Pero a vida dá moitas voltas, e Olaf sabía adaptarse ás necesidades, polo que, no cada día máis amplo reino baixo o seu cetro, buscou o apoio dos sacerdotes cristiáns para organizar o territorio, con esas divisións episcopais e parroquiais que vira nas súas andainas polo mundo adiante, e pediu o bautizo para el e os seus. Daquela as famosas sagas xa non falan só de conquistas senón tamén de amparo da divindade cristiá, e así contan como en certa ocasión que o home tiña sede, deus permitiu que a auga que lle ofreceron se convertese en cervexa, para non ser menos ca aquel Xesús das vodas de Canaan ou que no intre de morrer, como un novo fillo do deus cristián, a terra tremese e o sol se eclipsase momentaneamente. Diante de tales prodixios ninguén podía dubidar de que aquel azoute de cristiáns era agora unha das poucas persoas que sentaban á destra de Deus-Pai.
Pero en Tui non se esqueceron da que lles fixo e santo Olaf segue sen ter boa prensa, nin alí nin en Catoira, onde uns días despois da súa onomástica rememoran algunha batalla de incerto resultado para espantar o malfadado.