sábado, 11 de novembro de 2023

Os nosos primeiros pais


As historias do libro do Xénese son insostíbeis, pero teñen o encanto das lendas e serviron para explicar o que a ciencia non sabía. A partir daí os científicos teñen o deber e a obriga de ir desmentindo a fantasía aínda baixo a ameaza das chamas dunha inquisitorial fogueira. O malo é que esas ficcións, que a todopoderosa Igrexa tivo por verdade absoluta fixéronlle sufrir a moitos sabios insultos, desprezos, tortura e cadea, cando non acababan no lume purificador.

Con todo aínda hai quen segue asegurando que a terra é plana ou que o mundo foi creado en seis días. Tamén entre os que aceptan as teorías da evolución hai quen todo o resume con que o home procede do mono, e imaxínase que os nosos antecesores eran chimpancés. Pois moi ben, todos temos dereito a crer no que sexa, pero non a impoñer nada sen o correspondente debate. A xenética xa nos demostrou que temos moito que ver con aqueles brutos extinguidos que eran os neandertais, e cando queremos pórlle cara a  Adán e Eva no paraíso, a ninguén se lle ocorre velos con nariz chata, de morros e fronte prominente, pola contra todos nos figuramos que eran, en cada época, a encarnación da beleza máis moderna, e iso tamén forma parte da ficción.


A narración bíblica só é unha metáfora para explicar o que non se entendía, pero foi tomada tan ó pé da letra, que incluso houbo quen lle puxo data ó primeiro día da creación, tal san Martín de Dumio, quen chegou a dicir que cando Deus separou a luz das tebras, sendo El tan equilibrado en todo, tivo que repartir por igual as horas de día e noite, e iso só ocorre nos equinoccios. Houbo algún monarca que, nun afán por endeusarse, ó facer a súa árbore xenealóxica, os seus antepasados, pasando polo rei David e Salomón chegaban ata Adán e Eva. Sen embargo, hoxe que sabemos que estes personaxes formaban parte da ficción bíblica, tamén nos decatamos de que o autor deses contos non tivo presente que convertía a Deus nun ser pouco previsíbel, incapaz de adiantarse a acontecementos futuros, pois con unha soa parella no paraíso, abocaba ós fillos dos nosos primeiros pais a un irremediábel incesto. Co doado que sería situar naquel edén a tres ou catro parellas de amigos ben levados.

            Todo pode ser posto en cuestión ou entendido desde un punto de vista máis aberto e non por iso nos teñen que botar á fogueira.

Leo nunha afamada revista científica un estudio elaborado por xenetistas e antropólogos de distintas universidades quen, despois da análise do ADN de varios fósiles de homínidos aseguran que os predecesores dos humanos estiveron a punto da extinción hai 900.000 anos, debido ás prolongadas secas motivadas por un drástico cambio climático do que só se salvou un grupo de 1280 individuos, quen tardaron máis de cen mil anos en poder garantir unha expansión segura para a continuidade da especie, e dese pequeno grupo de adáns e evas vimos nós.

Con estes datos desmentiríase o suposto incesto entre os fillos de Adán e Eva, pero tamén nos indica o fráxiles que somos, como só uns poucos encontraron o lugar axeitado para sobrevivir ata que a glaciación lles permitiu saír dese pequeno paraíso e conquistar o mundo.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

Ningún comentario:

Publicar un comentario