sábado, 4 de novembro de 2023

Vivir do seu

¿Que se necesita para vivir? Esa é a pregunta que nos facemos e nunca ten unha resposta que lle valla a todos por igual. Hai que comer, vestir, relacionarse coa veciñanza, participar en actos de ocio e incluso perder o tempo sen facer nada para relaxar o ánimo no bar da esquina, e todo iso custa cartos, xa sexa no supermercado, na zapatería ou nunha caseta fronte ó mar. E para acadar todos eses bens hai que intercambiar os nosos coñecementos e habilidades por unha nómina, algo que non presenta dúbida e ó que todos estamos acostumados, uns con acceso a bens máis luxosos e outros ós máis básicos e imprescindíbeis, dependendo das esixencias de cada quen e do salario que teñamos. Pero se nos preguntamos canto se necesita para vivir non hai cartos que cheguen, porque, como se soe dicir, canto máis tes máis queres. E malo sería se non fose así.

Esa mesma pregunta, de canto se necesita para vivir fíxoa o finlandés Lasse Nordlund aló por mediados dos anos oitenta, cando era estudante de Física e lle andaba na cabeza o problema da dependencia dunha serie de cousas que lle eran esenciais e outras que sen ser necesarias lle gustaría ter. Nas súas cavilacións lembrouse daquel Dióxenes que escandalizou ós gregos cando decidiu vivir co mínimo imprescindíbel, facendo dun barril a súa propia morada e dunha cuncha o seu vaso para beber, ata que viu a un cativo coller a auga na cunca das mans e entón tirou coa cuncha por considerala un obxecto inútil.

Aquí en Galicia tivemos a Man de Camelle, Manfred Gnädinger, que sorprendía a propios e estraños co seu taparrabos en verán e inverno, vivindo nunha casopa feita cos restos que o mar lle traía e sustentándose coa caridade que os curiosos lle deixaban a troco de fisgar no seu entorno.


Este outro, Lasse, aínda non acabara de estudiar cando decidiu probar a vivir co imprescindíbel, algo así como un experimento no que calculou que, para saír adiante, só necesitaba un ferrado de terra onde plantar todo o necesario, non só para comer, senón tamén para alimentar e acubillar ós animais da súa granxa e obter por intercambio as cousas que non podía fabricar. Así, sen gastar un duro, podía alimentarse, confeccionar a súa propia vestimenta e argallar as ferramentas necesarias sen ter que ir á ferraxería. Tan ben lle foi que incluso casou, tivo dous fillos e asegura que con cincuenta euros anuais a súa familia ten todo o necesario.

Claro que, para facer o que o finlandés fixo, hai que ser moi mañoso, porque tan só pensar en facer unha legoña co que se atopa na natureza, ou un xersei para o que antes hai que tosquiar a ovella, cardar a la e calcetar, xa é moito mérito. E máis mérito ten pasar a vida sen tomar unha cervexa cos amigos ou vendo un partido de fútbol na tele do bar da vila. Non creo que Dióxenes ou Man de Camelle puidesen vivir con tan escaso presuposto, que non sei se clasificar de sacrificado ou mesquiño; nós seguro que non. O presuposto que a familia de Lasse necesita para todo o ano váisenos a calquera de nós en cervexas cos amigos en menos dun mes. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario