sábado, 11 de novembro de 2023

POBRES DOS ESCRITORES

Por Pepe de Rocaforte



En máis dunha ocasión, de conversa entre amigos, temos comentado que unha das particularidades máis características de aqueles que, tanto profesionalmente, como de modo amateur, practican o vicio solitario da escrita, é a falta de espírito de corpo e a carencia de compañeirismo, o cal, se pensamos que vivimos nunha sociedade onde o corporativismo sae a relucir pola mínima ás primeiras de cambio, este comportamento non deixa de resultar unha cousa de agradecer.

Pero entre os nosos compatriotas escritores, máis que falta de espírito de corpo, paréceme a min que hai un cainismo, en certa medida mortal. Saíu o tema a relucir nun parladoiro (non me convence moito esta palabra, pero non quero utilizar palestra, porque o único que me trae á cabeza é un programa radiofónico deportivo que cando eu era rapaz dirixía Pedro Arcas en Radio Orense: “¡Palestra! Ha salido Palestra, radio-gaceta de los deportes!).

Falabamos dunha novela, da que non vou facilitar título nin autor, onde se pinta un fachendoso plaxiario que, desde a súa cativeza moral, trata de mirar por riba do ombro a todo un grupo de compañeiros que, coma el, aínda que con non tanta baixeza, trata de se abrir camiño no mundiño das letras.


Tamén saíu na conversa outro escribidor que nun artigo xornalístico poñía de volta e media a outro escritor, un “fulano pouco recomendable”. E facía que, tanto nun caso como no outro, eu acabase preguntándome en que modelo se terían fixado á hora de poñer no papel (ou no ordenador) as súas paridas pseudo- literarias. A sospeita máis razoable era a de que seguramente, tanto un autor como o outro, seguramente botaran man do personaxe que tiñan máis a man á hora de se poñeren a escribir. Nada máis con un espello diante xa tiñan fonte de inspiración abondo.

O que pasa é que todos sentimos vergoña, confesada ou non, de nos sentir máis ou menos escritores, ou de ser catalogados como tales (eu tamén). E posblement4e sexa debido a todas esas expresións populares que desacreditan ó home de letras, desde aquel que di que tal rapaza “ten a cabeza chea de paxaros, é moi novelera”, ata o que sinala desprezativamente a aqueloutro “que vive do conto”. Ou o que “ten máis conto que Calleja”. E para acabar de rematala lembrarei unhas declaracións, tamén de hai anos, dun dos ídolos futbolísticos da miña infancia, o famoso Alfredo Di Stéfano, ex-dianteiro centro do Real Madrid, que nunhas declaracións reproducidas por o xornal “El País”, manifestaba: “yo no tengo verso para engañar a la gente”. Pobres poetas arruinados e demais escribidores de versos, canta mala fama se bota enriba de vós. ¿Quen será o redentor que a vos, a nos, --a todos e todas-- nos redima?

Ningún comentario:

Publicar un comentario