venres, 3 de novembro de 2023

RECORDOS DUN PASADO INCRIBLEMENTE AFASTADO


Por Pepe de Rocaforte


    

        

Chámame un amigo desde Barcelona para me informar da morte de Tomás Barris e dáme a impresión de que posto así, sen máis, poucos dos meus escasos lectores terán idea de quen se trataba, polo cal, antes de proseguir, direi que Barris foi o atleta que nos anos cincuenta e sesenta do século pasado nos emocionaba ós seguidores das carreiras de medio fondo, para min as máis vibrantes de todas as especialidades atléticas, como xa escribín aquí nalgunha ocasión.

Posiblemente non cheguei a velo correr nunca, aínda que a veces me ronda a sospeita de telo visto nunha ocasión na televisión que empezabamos a ter por aquí nos primeiros anos sesenta. Non estou seguro, pero o certo é que desde a celebración da olimpíada de Melbourne e de ver a película “Cita en Melbourne”, seguía con atención as informacións de atletismo e especialmente as das carreiras de 1500 metros lisos, das que el foi durante moitos anos plusmarquista español e unha das grandes figuras do medio fondo europeo.

         Despois de Barris veu unha gran eclosión de corredores españois de medio fondo, dos que por dar os nomes máis importantes citarei os de José Manuel Abascal, medalla de bronce en 1500 na olimpíada de Los Ángeles (1984), José Luís González, subcampión mundial de 1500 metros en Roma (1987), ou Fermín Cacho, gañador da medalla de ouro nos 1500 metros da olimpíada de Barcelona (1992).


         A partir daqueles tempos de mediados do século pasado, as miñas figuras favoritas no atletismo foron, desde o australiano Herbert Elliot, e os milquiñentistas españois, cun lugar especial para os medallistas que subiron ó podio na carreira dos 200 metros lisos da olimpíada de México, a quen non poderei esquecer: Tommie Smith (ouro), John Carlos (bronce) e Peter Norman (prata), os dous primeiros negros norteamericanos e o terceiro branco australiano, a quen non poderei esquecer por un feito que xa comentei.

        E para rematar con esta lista de grandes atletas sería imperdoable deixar fóra o nome de Andrés Díaz, atleta coruñés que nos campionatos mundiais de pista cuberta de 1999 ganou a medalla de bronce na carreira dos 1500 metros, e a quen, se non correr na pista, teño visto algunhas mañás paseando polo dique de abrigo desta cidade onde naceu e vive.


Ningún comentario:

Publicar un comentario