sábado, 15 de xuño de 2024

Insólitas propiedades


Estimado lector ou lectora, agora que chega o verán, ¿canto pagaría vostede por tomar o sol?

Aí temos a unha paisana, Anxos Durán, que no 2010 entrou nunha notaría de Vigo e rexistrou o sol como propiedade súa, sen ter que presentar máis documentos que a súa palabra. Xa antes ca ela, un tal Dennis Hope, fíxose dono da lúa, pero sendo el americano a cousa non estrañaba moito. É algo que levan no ADN, sempre dados a tomar para si todo aquilo que non estivese rexistrado segundo as súas leis, e se non mirade que fixeron os vaqueiros de pistola ó cinto cos indios, a quen, como nun acto de caridade, acabaron por recluílos en reservas e alí os teñen, limitándolles as andainas polas amplas praderías americanas.

Isto non é novo. Aquilo de arribar a unha praia, chantar un estandarte e proclamar diante dos seus acompañantes que se tomaba posesión daqueles ferrados de terra en nome do seu rei, amo ou señor, pasando por alto a quen alí vivía dende tempo inmemorial, foi algo que se estilou dende antes de que Colón chegase a América. E o costume segue usándose no Oriente Medio como estamos a ver estes días.

Os notarios deberían poñer un pouco de couto a estes excesos de apropiarse de algo que é de todos, con dereitos non escritos dende que o mundo é mundo; porque incluso hai quen rexistra como propio un territorio onde nunca vai poñer un pé, como se veu co señor Hope, coa señora Durán e con tantos outros que se dedican a poñer a seu nome estrelas que están a anos luz de nós.


Imaxínome a esta señora viguesa en Samil, con gafas de sol e á sombra dunha antuca, mirando como os veraneantes gozan dos raios solares mentres ela calcula canto podería cobrar por minuto de radiación. Tamén me podo imaxinar que, sen afán crematístico, a boa señora, se fixese dona do astro por aquilo de que houbese algún responsábel se nalgún intre necesita dárselle unha man de pintura. Ou para que non fose alguén entrar nel coma quen entra na leira dun veciño a roubar froita.

Pero, a pregunta é se a partir de agora, tendo o sol propietaria, vai ter dereitos a señora para cobrarnos por deitarnos na praia a recibir a nosa dose de vitamina D. ¿Vaille cobrar a quen pon un panel solar no tellado da súa casa facéndolle a competencia ás eléctricas? ¿Imos ter que andar pola sombra para que non nos acusen de beneficiarnos dun ben alleo? Éme imposíbel saber que gaña a señora Durán con tal rexistro, e incluso pensei se non pretenderá que a nomeen benfeitora da humanidade por compartir o que é seu sen reclamar un patacón.

E como sempre que se rexistra unha propiedade, aquí, segundo as nosas leis, o notario escribe o que lle din, pero logo hai que pasar polo catastro, quen ten por norma mandarlle unha carta a todos os afectados, que poden non estar de acordo cos marcos postos polo novo propietario, e a min, polo menos, non me chegou ningunha notificación. Eu sigo tombándome na praia sen que ningún axente da autoridade mo prohiba.

¿Será que o notario cobrou por anotar pero non a informou da inutilidade de tal rexistro?

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario