sábado, 22 de xuño de 2024

O árbitro electrónico


Cando xogábamos ó fútbol no campo da Chirela, as porterías eran unhas pedras coroadas polas nosas chaquetas, nós mesmos poñíamos as regras e non facían falta postes nin traveseiro para delimitar a portería e ninguén dubidaba se o balón fora demasiado alto ou non. Se un pedía falta, podíase discutir, pero enseguida se buscaba o consenso da maioría, e se o afectado non estaba de acordo, ou achantaba ou auto-expulsábase. Non facían falta catro árbitros e un VAR para regular o xogo. Aquilo era verdadeiro amor ó fútbol.

Certo que, ás veces, por imitar ós maiores, poñíamos un árbitro, pero case sempre acabábamos expulsándoo por demasiado estrito. Eran os únicos partidos nos que os xogadores podían expulsar ó árbitro polo ben do deporte.

Agora, con toda esa electrónica que entrou nos campos de fútbol, queda demostrado que os grandes equipos profesionais, non son nin a metade de honrados do que éramos nós. Con esas cámaras, sensores e pitos que se implantaron, seguen sen evitar as discusións, pois ata para un fóra de xogo, con todos os ollos, humanos e electrónicos que hai no estadio, se discute se estaba ou non estaba un centímetro máis ou menos adiantado.

Cóntame o meu barbeiro (que nisto do fútbol é o home máis entendido do mundo), que para o campionato europeo ata argallaron un balón que vai dar moito de que falar, ó que os alemáns lle puxeron o impronunciábel nome de Fussballliebe, que significa algo así como “amor polo fútbol”, un balón que ademais de ser moi ecoloxista, feito con materiais biodegradábeis, sen costuras nin os remendos de outrora, que poden afectar á aerodinámica, vai provisto de sensores capaces de contar as veces que foi pateado, a distancia que percorreu, cantos pases se fixeron, con que parte do corpo se tocou e, para que non haxa dúbidas, ata poderá dicir cando cruzou a liña de meta ou cando un xogador estaba fóra de xogo. Un verdadeiro acusón que, sendo os alemáns tan dados á tecnoloxía e xogando no seu campo, fainos desconfiar de se lle meterán algún virus informático para que conte ó seu favor. É o que nos queda para discutir.


Este balón xa non fará eses movementos raros que lle achacabamos ós vórtices de aire que provocaban os parches, nin se vai encharcar se chove, facéndose máis pesado e esgotador. Todo un prodixio da tecnoloxía metido nunha esfera de poucos centímetros de diámetro, pero se eu fose árbitro estaría moi preocupado polo meu futuro, pois, con tanta electrónica, os señores xuíces poden acabar no paro. Un simple panel luminoso no medio do estadio bastará para sinalar cando se comete unha infracción, cando se mete un gol ou cando sacar a tarxeta vermella.

Porque unha cousa si é certa, estes profesionais do fútbol, sempre necesitarán a quen controle se fan xogo limpo, e non coma cando eramos cativos e, polo ben do deporte e da amizade, sempre recoñeciamos as faltas e o único que podía sacar a tarxeta vermella, xeralmente por motivos extra deportivos era o dono da pelota.

Daquela o fútbol era máis humano, pero agora vai camiño de ser un xogo controlado por androides, e iso quitaranos o pracer da discusión. A ver quen lle vai levar a contraria a un robot.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario