sábado, 29 de xuño de 2024

O periquito

 


Vendo unhas danzas tradicionais, reparei en que a maioría das rapazas levaban o pelo trenzado en forma de periquito, como se o traxe rexional non estivese completo sen un tocado acorde. E é que fóra destes espectáculos é moi raro ver algunha moza peiteada dese xeito.

Cada época e cada lugar ten o seu estilo e a súa maneira de adornar a cabeza, xa sexa coas rastas ó estilo rastafari ou co longo cabelo sikh arrollado baixo un turbante. Entre aqueles romanos de flocos sobre a fronte e os hippies melenudos, pasamos polos monxes de cabeza tonsurada e chegamos a estes mozos que se tinxen o pelo con rechamantes cores ou se adornan con estrafalarios símbolos marcados sobre desiguais rapados, sen faltar quen afeita a cabeza para disimular unha incipiente calva. Non se pode dicir que hoxe por hoxe haxa un estilo determinado, cada quen ten o seu gusto particular ou a súa tendencia máis ou menos adscrita a algunha crenza, afección ou filosofía, pero se temos que escoller un peiteado clásico, propiamente noso, supoño que para os homes sería aquel de pelo curto con raia á esquerda, ó estilo de Lucas, o xogador que este ano liderou o ascenso do Dépor, mentres que as nosas antepasadas, con un estilo máis enxebre, trenzaban o longo cabelo niso que en distintos puntos da Barbanza chamamos o periquito, unha palabra que, aínda non estando no dicionario da Real Academia, era unha voz xa recollida a mediados do século XIX.


Todos lembramos a algunha avoa que cada mañá seguía peiteando a súa trenza para non dar por perdido ese sinal de identidade. Era de mérito que fose larga e gorda, símbolo de vitalidade, e só se cortaba cando o pelo escaseaba ou se debilitaba, para ser gardada como unha lembranza dos tempos idos.

O amigo Xulio pensa que este tipo de tocado comezou a desaparecer hai menos de setenta anos, dándolle paso ás coletas, que durante moitos anos conviviron co pelo á garçon, que usaban as máis modernas, unha moda que, coma todo naqueles anos, a nós chegounos un pouco tarde, como o biquini ou o pantalón nas mulleres. E digo que é o tocado máis enxebre, porque nas fotos de nosas avoas aparece ese atado saíndo por debaixo do pano da cabeza, baixando case ata a cintura e con un lazo na punta, apartando os pelos da cara para lucir os arretes e darlle ó rostro unha expresión clara, o cal non evitaba aquela maldicente cantiga de Periquito teso, vai lavar a cara que che cheira ó mexo. Polo xeral eran dun só trenzado, aínda que, como variante máis elaborada, dun tempo a esta parte, entre iso que chaman tocados étnicos, apareceron uns con estreitas e múltiples trenzas.

Aqueles nosos semellaban, por técnica, ás restras das cebolas, dos allos e do millo, que aínda se ven nalgunhas feiras, como se a influencia labrega chegase tamén ó pelo. E non só era cousa de mulleres, pois segundo se desprende dalgunhas imaxes medievais, tamén os homes, aquí, na nosa terra, trenzaban a barba.

Na Barbanza incluso levamos ese trenzado á repostaría, ás roscas, que se ben a palabra evoca unha forma circular, tamén se fan trenzadas e alargadas como o cabelo dunha doncela e chámanlle “periquito”.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na seccion Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario