sábado, 6 de xullo de 2024

Casota de ausentes

 


Redondas e de ouro, segundo nos contou un pastor no alto do Iroite, eran as moedas que unha cabuxa destapou nunha mámoa e o seu dono aproveitou para emigrar a México e volver ó pouco tempo simulando que se fixera rico naquela terra de promisión, permitíndolle montar un hotel en Vigo que, polos anos oitenta do pasado século aínda estaba en funcionamento.

As lendas e os mitos xustifican a realidade da vida cando non temos unha explicación máis acertada ou cando queremos disimular a verdade, por iso, despois de percorrer a serra e de escoitar aquelas lendas que enchían de curiosidade a un mozo de vinte e poucos anos, imaxinando cantos tesouros de fantástica riqueza en forma de enxoval, para asegurar unha vida máis cómoda no Máis Aló, se poden agochar no enorme cemiterio que algún día foi esta serra, cando chegaba á Casota do Páramo e vía aquel petróglifo que os entendidos databan no século cuarto, só podía imaxinarme a algún eremita que alí, sobre aquel lugar de enterramento, trocando por gabanzas o xeito de acadar un pracenteiro lugar na Outra Vida, fixo da mámoa a súa casa-templo en sintonía coa natureza, rezándolle a ese deus solar ó que lle ofrece algo semellante a un ramo. Non me atrevo a dicir a que deus, porque deuses solares ou personificacións do sol hóuboos sempre, incluso o evanxelista xustificaba o nacemento de Xesús como o nacemento da luz do mundo. E imaxino a aquel anónimo anacoreta no punto máis alto da serra, o máis próximo ó ceo, gozando do sol que fai florecer a vida sobre a terra onde repousan os finados. ¿Pode haber moeda máis valiosa?

Como sempre inflúe a imaxe do que chegou ata nós, é doado imaxinar ó eremita que alí tiña o seu oratorio, talvez adornado con ramos de distintas plantas, como aínda hoxe se poñen nos maios ou polo san Xoán, ramos que nalgún momento tamén se converteron en alfombras florais sobre os que pasear a Santa Custodia, ou eses outros con que honramos ós nosos finados.


Logo pensaba como sería a idea daquel ou daquela penitente vivindo sobre un lugar de enterramento, porque, segundo as lendas e a tradición, nós vivimos e convivimos acotío cos nosos finados, compartindo con eles as vivencias do día a día. En todas as familias hai un antepasado que volveu do Máis Alá con algún recado para emendar calquera equívoco, e asemade en todos os fogares hai un lugar destinado ós seus ausentes, onde se expoñen os retratos de finados ou emigrados que non viven na casa pero están presentes como deuses lares protectores do fogar.

Por todo isto, a Casota do Páramo pareceume dende aquela un primitivo cuarto de ausentes, onde o morador vivía sobre uns finados e ó mesmo tempo deixaba para a posteridade o seu retrato. Curiosamente o del non era un retrato físico polo que descubrir os seus trazos, senón un retrato emocional, no que esa persoa nos deixou plasmada a súa razón vital.

Así pois, despois de escoitar a aquel paisano que nos contara a lenda dun tesouro que antes fora enxoval de finado, é doado comprender que as lendas e os mitos son os que nos aportan o retrato máis realista de quen somos, unha imaxe que nos di como moitos daqueles sentimentos dos nosos devanceiros seguen manifestándose hoxe en día, non só neses ramos apotropaicos con que invocamos as forzas da natureza, senón tamén coa emotividade con que, en días de festa, nos reunimos cos familiares ausentes o resto do ano.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no especial festas de Boiro 2024 de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario