venres, 13 de setembro de 2024

A vida tras un cadaleito.

 


Así quixéramos ir todos, detrás do cadaleito e nunca dentro. Pero a vida ten data de caducidade. Sabémolo e procuramos alongala por todos os medios.

Setembro ábrelle as portas ó tempo frío e desapracíbel, e o santoral,  tratando de adiantarse ós problemas do cotián, invoca a protección dos intercesores coa divindade a fin de protexer a vida fronte a morte, neste mes en que non faltan festexos, case todos preventivos da vida e da saúde, tal as distintas advocacións da Virxe en lugares que van dende Malpica a Rianxo ou do monte Faro á Saínza ou á Franqueira. Xa temos contado como se invoca a Nosa Señora na mesma data en que os exipcios festexaban a Isis, a nai de Horus, moito antes de que a Virxe María se representase, como aquela, aleitando ó seu fillo, e hónrase a san Xil de Casaio (Ourense), onde antano se mercaban as aguilladas para ben guiar ó gando, a santo Exidio contra o medo ou a san Campio e santa Eufemia para evitar o endiañamento. A lista de mediadores que nos axudan a afrontar o vindeiro tempo de frío e tebras é moi longa, case de a santo por día, ata chegar ó san Migueliño das uvas maduras; e aconséllannos como untalos con donativos en forma de cera ou de esmolas para que intercedan por nós ante a alta divindade; como na vida mesma, que ninguén vai ó señor, ó ministro ou ó rei, para pedir un favor, senón ó seu intercesor, oficinista, operario ou subalterno, sempre co regaliño por diante e da man de quen sabe de que pé coxea cada quen.

Sen embargo, na festividade do Divino Nazareno da Pobra do Caramiñal, non valen intermediarios, vaise directamente a falar co mesmo Deus Fillo, con quen se trata sen man nin palabra interposta, porque a experiencia xa nos ten ensinado que os valedores, moitas veces, esquécense do recado ou de falar dereitamente en favor do doente. Esta da Pobra é a maior diferencia coas demais celebracións deste mes.

E como nunca se sabe que idioma entenden as divinas persoas, dado que hoxe como antano, segundo o coñecido adaxio, unha imaxe vale máis ca mil palabras, o agradecido doente xa curado ou coa esperanza de curar, por unha vez na vida camiña lavando o cadaleito diante, amosándose como o finado que non finou como un vencedor contra a morte, agradecido, orgulloso e satisfeito.

Da historia deste costume xa todos sabemos como naceu, co ofrecemento do rexedor don Xoán de Liñares, e como por imitación se mantivo a través dos séculos, pero ás veces esquecemos que este non é o único Nazareno que se festexa nestes días, pois aí temos o do Barco de Valdeorras ou o Ecce Homo de Becerreá, talvez, todos eles, en consonancia coa celebración da exaltación da Santa Cruz, que o calendario celebra o día catorce, en lembranza da recuperación daquela en que Xesús foi axustizado, atopada por estas datas do ano 629 en Palestina.


Así son as tradicións, que se lle dá máis importancia ó lugar onde se asenta a deidade ca a ela mesma, xa sexa por lembranza dun feito ou por herdanza de antigos costumes que alguén, por circunstancias varias, reinterpretou e adaptou no seu momento. E aínda que se disimule con oracións e elementos relixiosos, seguimos adornando con pináculos os hórreos onde se garda o gran, evocando o falo de Príapo que usaban os romanos para atraer a fartura, e se a Esculapio lle levaban  exvotos de barro hoxe ós nosos protectores levámosllos de cera. Así, na Pobra, para escorrentar a morte, que mellor que levar o cadaleito diante, como expulsándoa da nosa presenza. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no especial sobre o Nazareno de A Pobra do Caramiñal, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario