sábado, 14 de setembro de 2024

A voltas con Xan Quinto




Grazas ós investigadores Xosé Comoxo e Xesús Santos xa sabemos que Xan Quinto, de nome real Antonio Rodríguez Otero, era do Araño. Nin de Bealo, como dicía a señora Micaela, por pluma de Valle-Inclán, nin de Palmeira, como pensaba o amigo Xulio, quen agora se pregunta de onde viría ese alcume que se conserva nesta parroquia, e polo que durante moito tempo se pensou que o famoso buscavidas de trabuco en man fora veciño deste lugar. Eu, coma calquera, teño a miña teoría.

Historiadores como Xosé Antonio Durán ou Costa Clavel, xa nos teñen falado del a través dos seus artigos, e incluso don Leandro Carré escribiu unha curta peciña de teatro para contar algunha das súas aventuras, que se narraban entre a veciñanza sobre o fío gume que separa a realidade da ficción.

Din que este neto dun heroe da batalla de Pontesampaio, botouse ó monte porque non quería traballar terras alleas. Como queira que sexa, a vida deste “bandoleiro” está rodeada de mitos e lendas en todo o entorno da ría de Arousa e máis aló, incluso se conta dun encontro que tivo con aquel don “Jorgito” el Inglés, que andou polo país adiante vendendo biblias e tratando de converter ós devotos españois ó protestantismo. Dise que neste encontro o inglés contoulle do brutal axustizamento duns bandoleiros pola parte de Andalucía, e o valente Xan chegou a coller medo.

Como moitos outros bandidos, Xan, tamén tiña amigos que o estimaban e inimigos que o odiaban. Estaba moi ben considerado entre os aldeáns, pois segundo se conta só lle roubaba ós ricos e ós orgullosos, moitas veces para socorrer ós máis necesitados. A el escoitóuselle dicir que un ladrón non pode ter por inimigos ós que nada teñen, e por iso os papeis e os ricos lle poñían mala fama, pois que, como daquela os lectores de periódicos eran señores de reloxo con leontina e cadeira reservada no café da vila, as crónicas das súas aventuras adecuábanse ó gusto dos lectores. Así é que sobre el temos dúas historias paralelas, unha escrita e outra contada, e cada quen ha de acollerse á que máis lle guste ou conveña.

O mesmo Valle-Inclán pon en boca da tal Micaela algunhas das súas aventuras, polas que non se pode concluír que non estaba tan mal visto, a pesares de que lle atribúen unha morte da que non hai probas, ou que asaltaba ós feirantes, roubaba nos muíños e algún que outro pernil de porco. Pero nunca lle faltou onde refuxiarse, sempre había algún paisano que o acollía e lle daba pousada. E como a súa preferencia era asaltar as casas grandes e as reitorais, pero tamén sabía comprender as necesidades ou carencias da xente, non se consideraba malo de todo.

Contan que en certa ocasión fixo que un escribán lle redactase un papel para que un señor lle pagase a outro certa cantidade de diñeiro que el mesmo foi cobrar, provocando entre ambos señores un malentendido e unha forte inimizade, ata que comprenderon o timo.

Seguro que el tamén se tiña por un home xusto, aínda que non sempre fose ben comprendido. Nunha pelexa, unha coitelada rematou coa súa vida e crese que foi enterrado no Araño, sen que os libros parroquiais rexistrasen o seu falecemento nin o lugar onde descansan os seus restos.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario