sábado, 21 de setembro de 2024

Teitar camposantos

É mágoa que os cemiterios non teñan tellado, o que nos limita a visita en días de chuvia. E é que, ata agora, a ninguén se lle pasou pola mente teitar un camposanto. Talvez porque así, os finados, non teñen unha saída a ceo aberto, para ver as estrelas cando se xuntan en boa compaña.

Teitar espazos normalmente abertos non sempre é malo. Esta semana, visitando o mosteiro de Montederramo, onde ata hai uns poucos anos funcionou unha parte do mesmo como escola infantil (a falta de crianzas obrigou o seu peche), vimos como tiñan cuberto con cristal un dos claustros, usado como patio de recreo para o alumnado, incluso tras ver polo camiño varias casas con placas solares, imaxinámonos que os do mosteiro podían ser paneis solares que abastecesen de enerxía o colexio. Na Barbanza temos visto algún que outro alpendre teitado de placas fotovoltaicas, e cada día van en aumento as casas que optan pola instalación das enerxéticas pranchas nos seus tellados que, se ben non dan para abastecer todo o que unha casa necesita ó largo do ano, serven para rebaixar a factura da luz.

Entre o aproveitamento do espazo e dos recursos, dado que estes só son rendíbeis a partir dun certo número de elementos que depende da poboación a que se destina, o concello de Valencia retomou a idea de converter os seus cemiterios en campos de enerxía fotovoltaica recubrindo con placas solares os nichos, para aforrar algo en electricidade. A idea non é nova, pois no cemiterio de Bilbao xa teñen instaladas varias que reducen o custo enerxético do camposanto nun 60 por cento. E na Bretaña francesa, que non se distingue por ser un lugar moi soleado, levan tan adiantado o proxecto de teitar corredores entre as tumbas, que pensan abastecer a unha boa parte da veciñanza de Brière para o vindeiro verán. Un proxecto impulsado por un grupo de veciños da localidade de Saint Joachim, onde, ademais de permitir una visita ós finados prescindindo dos paraugas, coma quen camiña baixo os soportais dunha cidade, abastecerá de electricidade a unha boa parte da poboación. Seguramente unha solución moito mellor ca, como se ve nalgúns puntos de Castela ou polo sur da península, de ocupar enormes extensións de terreo privándoas de cultivo.



 Un dos maiores problemas para este tipo de xeración eléctrica será sempre a disposición dun espazo suficientemente amplo e despexado. Por iso entraron en xogo os camposantos, polo xeral afastados dos núcleos de poboación e de edificios que lle dean sombra.  

Claro que, como todo o que se pon de moda, o negocio non é barato, a colocación dos paneis e de toda a instalación eléctrica dos briereses bretóns superará os tres millóns de euros, para unha poboación de catro mil habitantes, unha cantidade que non todos os concellos están dispostos a gastar. Mais, por aportar ideas, hai outros moitos lugares públicos, que poden ser ocupados. Alguén apuntaba que se podían teitar cos devanditos paneis as subestacións transformadoras, ou os mesmos encoros, se non na súa totalidade, si por partes. Pero se non o fan é que non debe ir por aí o negocio das eléctricas.

Só nos queda agardar que algún día, as tellas, en vez de ser de barro, se fagan con materiais fotoeléctricos.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario