sábado, 28 de setembro de 2024

O matemático Rodríguez


Cando nos obrigaban a memorizar aquilo de que o metro era a dez millonésima parte do cuadrante do meridiano terrestre, ninguén nos explicaba que un dos matemáticos que chegou a esa conclusión foi un galego de Bermés, en Lalín.

Chamábase Xosé Rodríguez González e era un ilustrado de quen, en todas as biografías, resaltan a procedencia humilde, pero con grande amor polo estudio. Moi axiña, xa ensinaba matemáticas na universidade compostelá, cátedra que gaña por oposición en 1800. Un científico que non se conformaba co que tiña senón que procurou ampliar o coñecemento viaxando por Europa, unhas veces con financiación do goberno e outras por propia iniciativa.

Non chega o espazo deste artigo para falar deste destacado intelectual coñecido como o matemático Rodríguez, a quen este ano a Real Academia Galega das Ciencias (RAGC) lle dedica o seu día.

Cóntase a anécdota de cando andaba nos asuntos da medición do meridiano e lle encargaron que completase os cálculos pertinentes entre Barcelona e Formentera, en colaboración con un equipo francés en plena guerra da Independencia, e ó usar uns globos aerostáticos e sinais luminosas no alto dun monte, os militares españois pensaron que era algún tipo de comunicación co exército inimigo, máis aínda ó saber que no equipo de Rodríguez había franceses, polo que foron perseguidos baixo o suposto de que se trataba de espías.

Con todo, puido rematar ese traballo e tivo unha activa vida científica en distintos lugares de Europa, ampliando estudios de astronomía para axudar á navegación. En Londres contrariou as ideas do momento, cando se supoñía que a terra tiña forma de ovo, e el demostrou que era achatada nos polos. Suponse que mantivo contacto co matemático e físico alemán Friedrich ​Gauss en Gotinga; e sábese que en Francia coñeceu ó abade René Just Haüy, considerado o pai da Cristalografía, quen, como mostra de amizade, lle regala unha colección de máis de mil modelos cristalográficos que se conservan no Museo de Historia Natural da Universidade compostelá.


Do matemático Rodríguez, o seu biógrafo Ramón Mª Aller, chegou a dicir que lle daba máis importancia á investigación que á docencia, sen embargo, unha das súas maiores contribucións académicas foi a participación como impulsor da Universidade Central de Madrid, a actual Complutense, onde se encargou da cátedra de Astronomía, compaxinando este labor co de director do observatorio astronómico de Madrid.

Era difícil que vivindo na corte non participase en política, e fíxoo durante un par de anos, como deputado por Galicia, a comezo da década dos anos vinte, pero a súa actitude liberal chocou co absolutismo de Fernando VII, quen lle retira a cátedra e todos os cargos deixándoo sen recursos económicos, ós cincuenta e tres anos de idade. Como outros opositores e refuxiados políticos, tamén el parte ó exilio e busca emprego nas universidades de Lisboa e Coimbra, nun momento en que a súa saúde xa empezaba a resentirse, polo que en setembro de 1824 regresa a Santiago, onde morre o día 30 e é soterrado na igrexa de santo Agostiño, baixo unha lápida sen nome.

Talvez agora, cando o vindeiro día 8 de outubro lle dediquen o Día da Ciencia en Galicia, non estaría de máis que na mesma igrexa se puxese unha placa para lembrar que alí foi soterrado o seu corpo.

 

Francisco Ant. Vidal 

(Este artigo foi publicado na seccion Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario