sábado, 14 de febreiro de 2026

Os usos dunha vasoira

                        


¿Lembrades aquela canción de “Los Sirex”, Si yo tuviera una escoba? Entre nós aquela canción quedábase curta, porque a vasoira galega tanto serve para sacar o lixo como para espantar o mal, que é outra forma de enfeitar o noso entorno.

Xa teño contado dun costume de tempos antigos, de non pasar a vasoira tras a cea de Nadal para non levar co lixo as almiñas dos antepasados que nese día se acollen á calor do fogar e que, por ser almas non podemos ver nin oír. Na Lanzada, pola contra, teñen o ritual de varrer o entorno do altar maior para expulsar o mal, pero non se pode facer de calquera maneira, senón rodeando a ara en sentido contrario ás agullas do reloxo, porque ata nisto, os fados do mal teñen os seus caprichos.

E é que, polo que nos din, a vasoira, imprescindíbel en calquera casa, semella que puidese ter dobre función, e así como limpa o chan pode limpar os problemas e inconvenientes, pois entre os múltiples usos que ten tamén está o de espantar a tronada cando se coloca facendo cruz coa pa do forno ou, na actualidade, co recolledor, na fiestra que dá a onde o ceo lostrega, para que o trebón se afaste. E non imos falar do beneficiosas que son para as bruxas como medio de transporte aéreo.

Mais non todas as horas do día serven para varrer, pois facelo pola noite atrae a mala sorte e  sempre, várrase cando se varra, con vasoira de xestas ou de fíos plásticos, o varredor ha de procurar non facelo por encima dos pés dunha moza porque, segundo acreditan os entendidos en maldades e maleficios, esa rapaza quedaría, en palabras de antiga sabedoría popular, para vestir santos.

Hai moitos anos que o amigo Xulio me recomendou poñer a vasoira para arriba detrás da porta de entrada, cando unha visita non é de agrado, e así, por arte de non sei que, a devandita séntese incómoda e marcha axiña por moito café con bolachas que lle sirvas. O certo é que nunca probei a eficacia de tal remedio, porque tampouco tiven a necesidade de poñelo en práctica.

 E agora que chega o Entroido, e quen máis quen menos anda buscando no seu particular baúl de antigallas algunha roupa que o converta en algo que nunca foi, lembraba cos amigos ese costume que había polo Barbanza de non varrer o Martes de Entroido. Dicían que traía mala sorte, que nacían pitos con tres patas e cuxos coxos, que ás mulleres non se lles lograba o que levasen no ventre e o resto do ano ía ser de mala sorte.

O caso é que este costume de gardar a vasoira en tal día tamén se fai o luns seguinte ó de Pascua, cando se celebra o santo Alberte da Conlleira (Ribeira), e iso que entre estas dúas datas non hai nada de semellanza. A primeira é unha celebración pagá na procura do desenfreo e a esmorga mentres que a do santo é de devoción.

Os compañeiros de parladoiro están convencidos de que a vasoira é a ferramenta máis importante de calquera casa, e aínda así a ninguén se lle ocorre incluíla na lista de vodas.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario