Lembrábanos Xulio que de cativo era un pouco moulón para erguerse da cama e ir á escola. Non nos dixo se por vago ou por preguiceiro, se porque non lle apetecía someterse á disciplina escolar ou por non abandonar a quenturiña das sabas; e entón aparecía súa nai coa maternal paciencia: veña, arriba que se che fai tarde. E el aínda daba outra volta na cama, ata que ela acababa botando man do consabido refrán de “A quen madruga Deus o axuda”, que de tanto repetir xa se lle gravou para sempre, o cal non impediu que aprendese o contra refrán de “Non por moito madrugar amence máis axiña”, co que lle respondía e lle permitía dar outra volta máis, ata que súa nai lle sacaba as sabas e tiña que erguerse pola brava.
Os refraneiros son verdadeiros libros da filosofía dun pobo, aínda que non sempre nos conveña o que din nin sempre acerten coas súas sentenzas.
Unha das cousas polas que se fixo famoso o amigo Sancho foi polo uso e abuso dos refráns. E o certo é que con eles demostrou unha sabedoría que xa para si quixera o seu amo cando, con humildade, lle recomendaba prudencia e o cabaleiro recriminábao porque, segundo el, como experto lector, denota falta de cultura o uso e abuso dos mesmos. E non ten por que ser así. Eu teño comprobado cada vez que escoito a algún conferenciante ou xente de demostrada cultura como usan frases feitas, adaxios ou citas literarias que, dalgunha maneira, pode que algún día se convertan en proverbios.
De como nacen algúns refráns lembro o día que entre os amigos da Asociación Manuel Murguía, despois dunha experiencia de varios anos organizando arredor do dezasete de maio os actos en honor do Patriarca das Letras, chegamos a sentenciar cunha alta porcentaxe de acerto que, “Na semana do san Murguía ha de chover algún día”.
Todo comezou cando íamos inaugurar un monólito na parroquia de Oseiro, lugar onde naceu o esposo de Rosalía, e ese día non parou de chover. Ó ano seguinte xa nos coidamos de prever os imprevistos meteorolóxicos e así, ano tras ano, observamos que nesa semana das Letras sempre había algún día chuvioso.
Evidentemente, ningún refrán ten por que ser exacto, e o tempo tampouco é igual na Costa Ártabra ca na Ribeira Sacra. Por iso din os expertos que os refráns referidos á meteoroloxía só son válidos alí onde naceron. E eu, que gosto de observar se acertan ou non, levo comprobado que “a Curota con touca trae chuvia, moita ou pouca”, e ese mesmo prognóstico trocando o nome da montaña témolo nas terras que rodean o Pico Sacro. Pero non creo que o de “ceo escamado, vendaval ó rabo” que dicimos por aquí, serva para aplicar no Mediterráneo.
Logo hai refráns que non só son mentireiros, senón que incluso son manifestamente aldraxantes como eses que se refiren as vilas, xeralmente ideados nalgunha localidade veciña para amolar, “en Muros moito peixe e poucos duros” ou ese outro que mestura tradición e costumes con aire pexorativo: ”Os de Palmeira e santa Uxía de Ribeira beben o viño pola cuncha da aviñeira”.
Será cando non teñen sede, digo eu.
Francisco Ant. Vidal


Ningún comentario:
Publicar un comentario