Amosando publicacións coa etiqueta medicina popular. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta medicina popular. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de novembro de 2016

Remedio para o control da lactancia



                     
               Esta saquetiña que colga do pescozo das mulleres da foto é un eficaz remedio para controlar o leite da lactancia. Cando a nai quere que lle veña o leite pon o saquiño para diante, e cando non o quere, xa sexa porque o neno é maior ou algunha outra circunstancia, bota o saquiño para atrás, tal un imán do leite.
             Esta curiosa peza atopámola na Fonsagrada, e consérvase no seu museo, onde ademais de contarnos esta curiosa función, nos deixaron tocala para comprobar que dentro sonaba algo metálico, pero non se pode abrir porque de facelo perdería as súas propiedades.
                     E entón empezou o labor do curioso, que pregunta aquí e acolá que podía haber dentro, e despois de moito indagar soubemos que se gardan uns pelouros engarzados nunha armazón de ferro, que antes foron bañados en leite.
                 Preguntamos aínda máis detalles sobre o remedio, algunha oración, bendición ou rito por medio do que os pelouros adquirían ese poder controlador da latancia, pero o sistema é moi antigo e xa non queda quen o faga nin quen nolo diga. Por iso o poñemos aquí, por se alguén pode darnos máis detalles de tan curioso recurso.

martes, 9 de xullo de 2013

San Bieito e a curación das afeccións cutáneas

         A san Bieitiño pídenselle moitas cousas, pois é un destes santos que acadaron tal nivel de graza entre os devotos, que é o intermediario escollido para lle pedir a cura das afeccións cutáneas, verrugas e outros males relacionados coa pel. Para iso as fontes próximas ós seus santuarios énchense de xente que, despois de lavar e limpar a zona afectada deixan o pano usado para tal función a secar, coa seguridade de que a enfermidade queda no pano e así como o pano seca tamén seca o mal.
         Outro dos sistemas usados como elemento curativo é o aceite da lámpada que alumea ó santo, o cal, por estar en contacto co divino recolle as santas virtudes para aplicar á parte afectada do corpo do devoto e retirar o mal que nela poida haber.
         ¿De onde lle vén este poder ó san Bieitiño?. Sobre todo e ante todo, por ser un dos que están sentados á destra do Señor, e entón sempre pode influír para atender a petición do devoto.
         De todas maneiras, como sempre na especialidade do santo ha de haber algo na súa vida que lle facilita a especialización, sobre isto dos males da pel, lembramos que as haxiografías contan que este santo, que tamén foi home, en certa ocasión, sendo aínda mozo e estando en Roma, viu unha rapaza tan guapa que lle quedou gravada na cabeza, e así, cando ó varón que fixera votos de castidade, lle acordaba aquela beleza, espíase e botábase nunha silveira a rozar e mortificar o seu corpo ata deixar á silveira sen espiñas.
         E na provincia de Ourense, no san Bieito da Cova do Lobo, levan ós nenos que teñen o tangaraño, para pasalos por debaixo dun enorme penedo que hai preto do santuario, invocando ó santo mentres se fai o rito dicindo:
         Señor san Benito
         meu fillo che traio,
         doente cho deixo
         devólvemo sano.