Esta saquetiña que colga do
pescozo das mulleres da foto é un eficaz remedio para controlar o leite da
lactancia. Cando a nai quere que lle veña o leite pon o saquiño para diante, e
cando non o quere, xa sexa porque o neno é maior ou algunha outra circunstancia,
bota o saquiño para atrás, tal un imán do leite.
Esta curiosa peza atopámola
na Fonsagrada, e consérvase no seu museo, onde ademais de contarnos esta
curiosa función, nos deixaron tocala para comprobar que dentro sonaba algo
metálico, pero non se pode abrir porque de facelo perdería as súas propiedades.
E entón empezou o labor do
curioso, que pregunta aquí e acolá que podía haber dentro, e despois de moito
indagar soubemos que se gardan uns pelouros engarzados nunha armazón de ferro,
que antes foron bañados en leite.
Preguntamos aínda máis
detalles sobre o remedio, algunha oración, bendición ou rito por medio do que os
pelouros adquirían ese poder controlador da latancia, pero o sistema é moi
antigo e xa non queda quen o faga nin quen nolo diga. Por iso o poñemos aquí,
por se alguén pode darnos máis detalles de tan curioso recurso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario