A san Bieitiño pídenselle moitas cousas, pois é un destes santos que acadaron tal nivel de graza entre os devotos, que é o intermediario escollido para lle pedir a cura das afeccións cutáneas, verrugas e outros males relacionados coa pel. Para iso as fontes próximas ós seus santuarios énchense de xente que, despois de lavar e limpar a zona afectada deixan o pano usado para tal función a secar, coa seguridade de que a enfermidade queda no pano e así como o pano seca tamén seca o mal.
Outro dos sistemas usados como elemento curativo é o aceite da lámpada que alumea ó santo, o cal, por estar en contacto co divino recolle as santas virtudes para aplicar á parte afectada do corpo do devoto e retirar o mal que nela poida haber.
¿De onde lle vén este poder ó san Bieitiño?. Sobre todo e ante todo, por ser un dos que están sentados á destra do Señor, e entón sempre pode influír para atender a petición do devoto.
De todas maneiras, como sempre na especialidade do santo ha de haber algo na súa vida que lle facilita a especialización, sobre isto dos males da pel, lembramos que as haxiografías contan que este santo, que tamén foi home, en certa ocasión, sendo aínda mozo e estando en Roma, viu unha rapaza tan guapa que lle quedou gravada na cabeza, e así, cando ó varón que fixera votos de castidade, lle acordaba aquela beleza, espíase e botábase nunha silveira a rozar e mortificar o seu corpo ata deixar á silveira sen espiñas.
E na provincia de Ourense, no san Bieito da Cova do Lobo, levan ós nenos que teñen o tangaraño, para pasalos por debaixo dun enorme penedo que hai preto do santuario, invocando ó santo mentres se fai o rito dicindo:
Señor san Benito
meu fillo che traio,
doente cho deixo
devólvemo sano.
A castidade, unha cosa que nunca entenderé. É o pobre Bieito, botándose ás silvas do camiño.... Bo artigo deste Santo.
ResponderEliminarEnhoraboa