Na comunidade con máis quilómetros de costa de todo o Estado, o 16 de xullo é un día grande. En cada vila mariñeira celébrase algún acto para honrar á súa patroa e lembrar ós náufragos, con barcos empavesados e procesións coa Nosa Señora embarcada a percorrer os lugares onde os seus devotos laboran acotío.
Sen embargo o Carme é unha advocación nova, pois ata finais do XIX a quen os mariñeiros festexaban era a aqueles santos que figuran como pescos de profesión, Pedro, Andrés ou Bartolomeu. Lembremos que ela só é patroa da Armada Española dende abril de 1901, e se repasamos as advocacións mariñeiras da Barbanza vemos que só ostenta o padroado en parroquias que naceron a partir de mediados do pasado século e, antes ca ela, só Nosa Señora de Belén, que se introduciu hai uns cincocentos anos como avogosa contra a piratería, segundo nos recorda Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza, se pode contar como unha advocación mariana de protección a pescos e mariños.
A do Carme chegou tarde pero convenceu. Fáiselle máis festa a ela que a moitos patróns parroquiais.
Para darse a valer visitou a Simón Stock no monte Carmelo, seguramente sen o hábito con que agora a coñecemos, prometéndolle que a todo aquel que morrese co seu escapulario ó pescozo, ela mesma baixaría a liberarlle a alma das chamas do purgatorio. Pero a promesa, a pesar de non ser custosa, pois só pedía levar un anaco de hábito carmelita, non acababa de callar nos devotos, e non sería ata a reforma da orde, tres séculos máis tarde, con Tereixa de Xesús e Xoán da Cruz, facendo fincapé nas virtudes e beneficios que a posesión de tal amuleto lle outorgaba a quen o portase, que comezaron a popularizalo. Os primeiros foron os mineiros, quen, asociando a idea de que o purgatorio era algún lugar situado no fondo da terra, baixaban con ese retallo de hábito por se a desgracia os collía picando mineral, e deles o costume pasou ós mariñeiros que axiña o incluíron como unha prenda máis do seu vestiario de faena, por se un mal golpe os facía descender ás profundidades, convencidos de que a mesma Virxe, vestida de marrón, había de rescatar a todos aqueles que levasen consigo o devandito salvoconduto.
Da lenda pasouse ás iconografías que a representan botando o seu distintivo como cabo salvador de náufragos e penados, como tamén se ve en grande cantidade de petos de ánimas espallados por toda a xeografía, incluso en terras arredadas da beiramar, para facer así máis universais as virtudes do escapulario.
(Este artigo foi publicado baixo o epígrafe Lingua Proletaria no especial sobre "O Carme" publicado na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).
Ningún comentario:
Publicar un comentario