mércores, 6 de xullo de 2022

AÍ VEÑEN OS DE MUXÍA

Por Pepe de Rocaforte

 

 


Estiven por primeira vez en Muxía un día soleado da primavera-verao de 1967. ¡Xa choveu desde entón! Daquela, xunto co sol, chamárame a atención a area polo medio das rúas, como arrastrada polo vento desde as praias, con casiñas de planta baixa e fachadas caleadas. E sobre todo o silencio, un silencio que é o recordo que me vén agora con máis forza á memoria e que naquel tempo me fixo pensar nunha imaxinaria poboación mexicana de calquera película de vaqueiros, antes de que empecen a disparar os revólveres.

Moitos anos despois, en abril de 2008, nunha viaxe por terras mexicanas, na poboación de Mitla, en Oaxaca, a pesar de se tratar dunha localidade moi lonxe do mar e situada nunha paisaxe ben diferente, a mañá soleada de primavera, silenciosa ata iren aparecendo uns nenos que ían para a escola, fíxome lembrar de Muxía e aquela outra mañá de 1967. Velaí a importancia do silencio á hora de manter vivas algunhas determinadas pasaxes dos nosos recordos.

Hoxe volveume Muxía á memoria ó ver na prensa un artigo coa información de que o propietario do último secadoiro de congro que se conserva na vila foi condenado a pagar unha multa de cinco mil euros como consecuencia da inspección realizada no pasado mes de febreiro, na cal se detectaron nas instalacións varias infraccións graves en materia sanitaria, que obrigaron á paralización temporal do secadoiro así como á inmobilización dunha partida de sesenta e cinco congros xa dispostos para a súa comercialización.

As alegacións do propietario no sentido de se tratar dunha actividade artesanal que se vén realizando cunha técnica utilizada desde o século XV, cun considerable valor histórico, inmaterial e etnográfico, non xustifican, a ollos da consellería de Sanidade, a falta de limpeza nin a presencia polo chan de cascos de cervexa e cabichas de tabaco.

E sen dúbida teñen razón, pero ¿son detalles eses que non se poidan corrixir? Outra cousa sería que, por exemplo, médicos e farmacéuticos empezasen a atopar totalmente fóra de lugar a utilización da Pedra dos Cadrís, non lonxe dos secadoiros de congro, para a curación de enfermidades do ril e similares, nunha actividade de competencia escasamente aceptable. ¿Ou que me din?


En fin, hoxe como remate destes recordos muxiáns, quero lembrar, se non me falla a memoria, o nome de don Luís Pérez Puertas, que en paz descanse, quen guiou a miña primeira visita á vila da Virxe da Barca. E tamén ó señor Lema, que me cantou aquelo de

                        Aí veñen os de Muxía,

                        aí veñen os muxianse.

                        Aí veñen os de Muxía,

                        mosos coma capitanse...

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario