mércores, 6 de xullo de 2022

NO BICO UN CANTAR!

                             

                        Por Eu-Ke-Sei

 

Con R. Cartelle (1975)


            Coa partida de Antón de Santiago ocorre unha nova perda para a cultura galega e para a xeografía coruñesa. Home multifacético, era Galiza o común denominador da sua actividade toda. Meio século de dedicación á nosa música, várias décadas impartindo o seu saber musical, anos e anos escrebindo apropósitos carnavaleiros e representándoos, tempo longo participando na actividade teatral amadora, os últimos tempos publicando biografías e novelas e até algún poemário de orixinal enfoque, e toda esa sua vida fiel ao amor pola sua/nosa cidade e, obviamente, polo seu/noso país.

Programa (deseño; F. Senén)


            Non vos é este o lugar para desentrañar os oontidos da sua creación pedagóxico-literária (Voz e canto, Ofelia Nieto, Custodio ou A fe do carboeiro, Polafíos, Cantigas líricas galegas, O apropósito coruñés, A Coruña na música do Rexurdimento...); nin o sítio para enumerarmos a sua actividade profisional (compositor, docente no Conservatório da Coruña, crítico musical nas rádios galega e de LVG -”Allegro de domingo”-; autor e direitor de até vintecatro apropósitos -digno sucesor de seu avó Nito...

            Pola nosa banda goréntanos lembralo como o maior divulgador da canción lírica galega... acompañado ao piano, nas décadas dos 70 e 80, polo inesquecíbel Ramiro Cartelle: os primeiros recitais (1973, 1974, 1976) da man da A.C.O Facho, coa que tamén colaboraría, na década de 90, participando e/ou dirixindo o grupo de teatro (Ribadávia 1973 -”As laranxas...” de C. Casares-; por todo o país 1977,  “Paco Pixiñas”; dirixindo o elenco en “Xan Barallocas” -versión sua de Forzano-  e “Anxélica nas portas do céu” -de Blanco-Amor-...).

 

Tertúlia n'O Facho (1989)

            Aqueles recitais de lieder, celebrados no país, na península e en Europa, que lle supuxeron algún que outro galardón, seriam antecedente de importantes rexistros: 1985, 1992 (CD “No bico un cantar”), 1994, 1998, 2000...,... todo iso a conformar unha sólida traxectória da que tivemos o privilexio de sermos admiradoras testemuñas..

               Non o temos mais entre nós, mais sempre ficarán a sua voz, os seus escritos e a lembranza da sua bonhomía. Saúde, Maestro!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario