Por Pepe de Rocaforte
Non teño un recordo claro de como e cando coñecín a Xosé Manuel del Caño, pero debeu ser tal vez nalgunha visita a Ourense, alá polos inicios dos anos oitenta, e quizais nalgunha das nosas primeiras conversas sairía a relucir o nome de seu tío Carlos del Caño, quen desde Os Peares mandaba ó xornal “La Región” unhas colaboracións cheas de intención e ironía, que por sorte para min continuarían en “Follas secas”, a revista dirixida por Xosé Manuel naquela época prometedora para as revistas en galego, recordemos “Teima” de fins dos setenta, “Man Común” de principio dos oitenta e, como non, as “Follas secas” de Xosé Manuel del Caño, con abondosas mostras do humor gráfico de autores posteriormente tan sobranceiros como Carlos Silvar, Xosé Lois “O Carrabouxo” ou Xaquín Marín. Con grandes poetas como Novoneyra, Antón Tovar e Guerra Dacal. Narradores da talla de Méndez Ferrín e Neira Vilas, nunha relación que se faría excesiva para as intencións con que escribo estas liñas. Pero na que non podo deixar de citar a Margarita Ledo e Pilar García Negro, a Basilio Losada, Carballo Calero e Franco Grande, a prometedora xente nova como Camilo Franco e Marcos Valcárcel...
Agora, recén xubilado das súas tarefas xornalísticas, Xosé Manuel del Caño ofrécenos unha nova mostra da súa xa extensa relación de obras informativas e literarias con “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias”, colección de retrincos, no seu día non incluídos noutros libros dos que en principio poderían formar parte, pero que aquí cobran un novo sentido que en moitos casos transcende a simple anécdota para acadar unha altura creativa que satisfará a quen como eu agora empece a follear as súas páxinas.
(Texto redactado para a presentación na Feira do Libro da Coruña o día 1 de agosto de 2022 do libro de Xosé Manuel del Caño)
Ningún comentario:
Publicar un comentario