mércores, 10 de agosto de 2022

OCUPACIÓNS ESTIVAIS


Por Pepe de Rocaforte



¿Vostede, apreciado lector, non ten incorrido algunha vez nese lugar común de, despois dunha tarde de exploración polas librerías, adquirir algún libro, chegar con el á casa, facerlle un exame superficial, sopesalo, calcular o tempo que lle levará lelo, pousalo no estante de “lecturas pendentes” e dicir para o seu chaleco: “deixarémolo para o verao”?

Esto foi máis ou menos o que fixen con “Los cuarenta días del Musa Dagh”, extensa novela de Franz Werfel que para facer os meus cálculos, seguindo os pasos de Xesús González Gómez, segundo un artigo que lle lin recentemente, pousei o voluminoso volume na miña báscula caseira de cociña e unha vez rexistrado un peso de 1325 gramos, destineino ó grupo de lecturas para o verao.

Entre tanto, nunha relectura superficial doutra novela, encontrei nestes mesmos días un parágrafo no que os protagonistas falaban dunha paisaxe de Hobbema, “O camiño de Middelharnis”, obra pola que sinto unha particular admiración, e ocorréuseme botarlle unha ollada recordatoria a ese lenzo do pintor holandés, que me vén tantas veces á cabeza nos meus paseos polo dique de abrigo do porto coruñés, para min un esquema da obra que Hobbema ía pintar case tres séculos antes. Nestes días, cando paseo polo dique na primeira hora da mañá e todo o máis con que me podo cruzar, como nos detalles minuciosamente reproducidos no cadro, é con algún paseante que vén en dirección a min co seu can, procedente dun mínimo punto central na soidade da chaira cara o cal se dirixen as árbores ata se minimizaren no medio e medio dun horizonte sobre o que pesa un ceu enorme, detido nun eterno e poético instante.

Despois deste breve repaso ó cadro de Hobbema a memoria lévame a me achegar á obra de Claudio de Lorena, outro enorme paisaxista tamén incluído no grupo dos meus preferidos. Do lorenés fascínanme sobre todo esas paisaxes inventadas, co toque máxico dunhas incribles edificacións rodeadas polo xeral de bosques entre os cales xurden de súbito unhas ruínas, uns incribles castelos, uns palacios fantásticos, enormes templos inesperados, tal vez fóra de lugar, pero absolutamente necesarios para darlle un distinto valor á obra.


 

Este mínimo achegamento á pintura paisaxística tráeme agora á cabeza a idea de que este verao, en lugar de me dedicar á lectura, tal vez me será mellor utilizar o meu tempo de lecer á contemplación de reproducións pictóricas. A lectura ben pode quedar para o inverno próximo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario