mércores, 3 de agosto de 2022

PEREGRINACIÓNS


Por Pepe de Rocaforte


   


   

Fernão Mendes Pinto foi unha especie de Marco Polo portugués que no século XVI, coa publicación do seu libro “Peregrinação”, se convertería nun clásico da literatura de viaxes. O relato das súas aventuras por terras asiáticas contiña tantas informacións e tantas historias incribles para os europeos do seu tempo, que os lectores portugueses da época, xogando co seu nome, converteron “Fernão Mendes Pinto” en “Fernão, ¿mentes? ¡Minto!”.

Entre 1537 e 1558 o aventureiro portugués percorreu as costas de Birmania, Tailandia, China e Xapón, sen esquecer as illas da Sonda e as Molucas; e desas travesías ofreceríanos informacións tan curiosas como a da visita no ano 1544, formando parte da tripulación dun barco corsario malaio, á illa xaponesa de Tanixumá, onde os navegantes foron amistosamente recibidos polos habitantes do país, que ficaron entusiasmados diante da exhibición que Diogo Zeimoto, un dos integrantes da expedición, lles ofreceu co seu arcabuz, unha arma daquela descoñecida en terras asiáticas.

O navegante luso chegou ser tan insistentemente agasallado polo nautaquim (xefe da illa) que ó cabo, para corresponder ós favores e distincións de que era obxecto, non veu mellor expediente que lle regalar polas boas o arcabuz, antes de que lle fose confiscado polas malas.


De alí para adiante”, conta Mendes Pinto, “todo o gosto e pasatempo do nautaquim era o exercicio con este arcabuz, vendo os seus que em nenhúa cousa podían contentar mais que naquela de que ele mostrava tanto gosto, ordenaram de mandaren facer por aquela outras do mesmo teor, e assí o fizeram logo. De maneira que o fervor deste apetite foi dali por diante en tamanho crecimento, que já quando nós dali partimos, había na terra passante de seiscentas.”

Tempo andado, nunha nova viaxe a Tanixumá en 1556, Mendes Pinto tivo noticia de que na cidade de Fucheo había xa máis de trinta mil arcabuces. Mendes Pinto, “facendo disto grande espanto”, comentouno con algúns mercadores por lle parecer que era imposible semellante multiplicación. E os mercadores, “homes nobres e de respeito” informáronlle que en toda a illa do Xapón había xa máis de trescentos mil arcabuces funcionando a tiro limpo.

E á vista de tales precedentes, ¿como nos imos estrañar agora da invasión de produtos xaponeses que no século XX se intensificou de maneira dificilmente imaxinable ata hoxe no mundo occidental?




Ningún comentario:

Publicar un comentario