Se alguén me preguntase en que se basea a atracción que desde rapaz sinto por Ciudad Rodrigo non sabería que lle responder. Xa tiña máis de trinta anos cando por primeira vez estiven alí, onde non coñecía a ninguén, nin tiña ningunha información sobre a localidade, a súa historia, ou as súas xentes.
De aquela primeira visita recordo que iamos a miña muller e máis eu dando un paseo de toma de contacto coas rúas da vila e facendo de paso algunha que outra fotografía, cando se nos achegou un home que nos cumprimentou cun sorriso amistoso ó tempo de levar unha man á fronte, a estilo de saúdo militar. «Ola. ¿Queren facerse unha foto cun indíxena?», preguntounos campechano. Respondémoslle que si, e entón chamou a outro paisano que pasaba por alí ó lado para lle pedir que nos fotografase ós tres. Logo, falamos un pouco entre nós, xa se sabe, eso de ¿de onde sodes?, ¿gústavos esto?, e pouco máis, para acto seguido cada un de nós proseguirmos camiño ó noso aire.
Hoxe, moitos anos despois, ocórreseme escribir sobre Ciudad Rodrigo por causa dunha noticia xornalística na que se informa que este pasado martes de entroido un mozo de vinte e cinco anos, chamado Anass Lafriakh Bechri, residente en Guadalajara, sufriu a terrorífica collida dun touro cando se celebraba o encerro do “Touro da augardente”, tradicional espectáculo deportivo-taurino que se celebra na cidade todos os anos o Martes de Entroido e que, como vostede pode supoñer á vista da denominación, se inicia a primeira hora da mañá, despois dunha xenerosa inxestión de augardente para entrar en calor, acalar un pouco o medo e poder esprintar con axilidade diante dos astados, espectáculo que a min se me fai particularmente desagradable, a pesar das informacións que me ofrecen de estar considerado como un dos máis antigos e atractivos que se veñen celebrando en España, ata o punto de que no arquivo histórico municipal de Ciudad Rodrigo se conserva un documento do ano 1418, onde se fai referencia ás talanqueiras que se improvisan para servir como defensa nas prazas dos pobos onde se vai celebrar unha tourada (Aclararei que “talanqueira”, unha palabra que curiosamente en galego é sinónimo de borracheira, en castelán é o nome dun valo de quita e pon que se improvisa para servir como defensa nas prazas dos pobos onde se celebran as touradas, como se pode ver nunha das fotos que fixen na última ocasión que por alí andei admirando os disfraces de xente coma ese atilado músico armado de tamboril e flauta).
E complementariamente, nunhas datas coma estas, nas que se pode un empapuzar a conciencia a base de orellas, filloas e outros apreciados froitos de tixola, recomendareille a vostede que, como fixen eu, se dea unha voltiña por Extremadura, que non está tan lonxe, e na localidade luso-hispánica de Olivença compre un dos postres con maior aceptación por aquelas terras, un pastel de follado, con azucre, xema de ovo, améndoas e manteiga de porco, a Técula-mécula, que seica no latín propio da península ibérica quere dicir “unha moeda para ti, outra moeda para min”.
Sen facer o cálculo de como anda o cambio entre a técula-mécula e o euro, dáme a impresión de que paga a pena botar man á faltriqueira para traer de regreso á casa unha ou varias caixas de téculas-méculas” con que lle adozar o padal á familia.
¡E que aproveite!
Ningún comentario:
Publicar un comentario