xoves, 9 de febreiro de 2023

O VIAXEIRO RETABLO DE MONFORTE

Por Pepe de Rocaforte


 

Na semana pasada circulou pola prensa unha información válida para que quen sinta interese por ver o cadro coñecido como “A adoración dos Reis”, ou “Retablo de Monforte”, obra pictórica de considerables dimensións, 1,47 x 2,42 metros, e máis considerable altura artística, realizada na segunda metade do século XV polo pintor flamenco Hugo van der Goes, xa pode ser visitada de novo no seu actual emprazamento da pinacoteca Gemäldegalerie, na Illa dos Museos de Berlín, a onde acaba de regresar despois dun recente e coidadoso traballo de restauración.

En principio o cadro de Van der Goes foi adquirido en Flandes polo cardeal Rodrigo de Castro, quen nunha visita a Santiago de Compostela, en 1590, concibiu a idea de construír en Monforte un edificio que fose centro de cultura, panteón familiar e museo de arte, onde tería un lugar de honor o cadro de Van der Goes.

As obras do que sería coñecido como “O pequeno Escorial galego” (outro “Escorial Galego” haino en Oseira) iniciáronse en 1593, pero o cardeal só chegaría a ver levantados os seus cimentos ó falecer en 1600. Pero Rodrigo de Castro, home  precavido, entre outras disposicións en previsión do que nun futuro sen el podería suceder, deixou firmemente establecido que nada do seu legado se podería “nin vender, nin sacar por pouco nin moito tempo canto constituíse patrimonio do Colexio de Humanidades, como cadros, alfaias e reliquias”.


¿E finalmente valeu eso de algo? Á vista temos a historia: en 1913 “A adoración dos Reis” foi vendida ó Bode-Museum de Berlín por un importe de 1.263.000 pesetas máis unha copia do cadro para que os Escolapios, usufrutuarios do monumento, fixesen no Colexio da Compañía as “melloras” que considerasen pertinentes para a súa mellor utilización.

Finalmente o dez e oito de decembro de 1913 un carro de bois cargado con herba seca  chegaba á estación do tren de Monforte transportando no medio da herba o cadro de Van der Goes que será descargado en Vigo o día seguinte para, dous días máis tarde, custodiado por dúas parellas da Garda Civil, ser embarcado con destino a Hamburgo. O resto xa é sabido.

O que non estará de máis recordar é que outra valiosa obra pictórica do italiano Andrea del Sarto, procedente do Museo de Arte Sacro do convento das Clarisas de Monforte, despois de pasar por varios posuidores, acabaría sendo comprado polo Museo do Prado a mediados do pasado século.

¿Rematará aquí o espolio na cidade co patrimonio artístico máis importante de Galicia? ¿Ou aínda haberá máis que ver?

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario