Por Pepe de Rocaforte
A semana pasada reproducín aquí a información do regreso á Gemäldegalerie de Berlín, despois de sometido a unha restauración, do cadro de Hugo Van Der Goes “A adoración dos Reis Magos”. Aí contei o prezo que o museo alemán pagou ó Colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte pola obra mestra de Van Der Goes: 1.263.000 pesetas das da segunda década do século XX; pero esquecinme de dar a valoración actual da táboa, así que para que vostede poida facer unha comparanza, direillo agora: cincuenta e cinco millóns. Pero agárrese: ¡CINCUENTA E CINCO MILLÓNS DE EUROS! Nada mal, ó meu parecer.
Falaba de esto cun amigo, e dunhas noutras, pasamos a discutir se é aceptable que uns países económica e militarmente poderosos se aproveiten das penurias de outras nacións para apropiarse das súas obras de arte. Non teño unha opinión totalmente definida sobre o asunto; pero á vista do anuncio do Vaticano de que vai proceder a devolver a Grecia os mármores do Partenón que custodia(?) desde o século XIX, e coa esperanza de que eso sirva de exemplo para que as autoridades británicas non poñan oídos xordos ás peticións do primeiro ministro grego nas negociacións, paréceme que aínda moi crúas, para recuperar as pezas da acrópole ateniense das que, nunha operación, de “saqueo”, din en Grecia, se apoderou Thomas Bruce, embaixador do Reino Unido en Estambul entre 1799 e 1803.
Ishtar en Berlín |
E esto vénme recordar unha visita ó Museo de Pérgamo, en Berlín, onde quería ver o Altar de Pérgamo que, por desgracia para min, estaba en proceso de restauración naquelas datas e, polo tanto, non era accesible ó público.
O que puiden ver, tamén importante, foi o “Mercado de
Mileto” e a “Porta de Ishtar”, ou Astarté, da que ata entón non tiña a menor
idea e que me deixou pasmado cando a vin no Museo de Pérgamo berlinés, aínda
que posteriormente algún amigo tratou de rebaixar a miña admiración dicíndome
que as escavacións levadas a cabo en Babilonia por arqueólogos alemáns entre
1902 e 1914, así como os seus traballos de reconstrución, deixaron ó parecer
bastante que desexar.
A min a fermosura da Porta marabilloume, pero o motivo principal polo que a traio a conto é polo diferentes que son entre si os fragmentos de muralla en posesión de varios museos que contan con parte dos releves orixinais de leóns, dragóns e touros, que non son poucos, pois hainos no Museo Arqueolóxico de Estambul, no Instituto de Artes de Detroit, no Museo Metropolitano de Arte de Nova York, no Instituto Oriental de Chicago, no Museo da Escola de Deseño de Rhode Island e no Museo de Belas Artes de Bostón. Non sei se esquezo algún, como a reconstrución de grandes zonas da antiga Babilonia durante o goberno de Saddam Hussein. Parece mentira que houbese tantos e os puidesen repartir por tantos sitios, pero se temos en conta que as murallas de Babilonia contaban cun perímetro duns setenta quilómetros, un ancho de nove metros e vinte metros de alto entre torre e torre a cousa aínda fai pensar que, tristemente, darán para máis.
Por certo, a réplica da Porta de Ishtar que se levantou por Saddam xusto no antigo emprazamento da orixinal, está na actualidade baixo a responsabilidade da 155ª Brigada de Combate do exército dos EEUU, emprazada dentro das murallas de Babilonia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario