sábado, 25 de febreiro de 2023

A Nena das soidades

A moza, que non nena, era guapa e moi pretendida, segundo se desprende dunha nota de Bécquer na que asegura: “Elina Avendaño era la más hermosa y elegante dama que anoche pisaba los salones del presidente del Consejo de Ministros”.

Murguía estaba en Madrid, supostamente para estudiar farmacia, pero a el iso de mesturar herbas, facer pomadas e xaropes non lle ía. El só quería abrirse camiño no mundo das letras e pasaba máis horas nas redaccións dos periódicos ca nas aulas, o cal cabreaba, e moito, a seu pai; tanto así que, segundo el mesmo conta, chegou a durmir nos bancos do Paseo do Retiro por falta de cartos para pagar a pensión, ata que o avó santiagués, que non lle regateaba mimos, lle mandou algún diñeiro para sacalo da indixencia.

Este fillo de boticario, mal estudante pero bo escritor, era admitido nos salóns literarios, onde tomaba contacto coa sociedade artística e literaria, sobre todo de galegos que alí formaban unha grande comunidade, da que o viaxeiro Jorge Barrow dixera que todos se axudan mutuamente en cantas ocasións se presentan. E o Manuel era o fillo dun coñecido e ben relacionado farmacéutico, amigo de persoas como don José María Chao, o pai de Eduardo, futuro ministro da Primeira República, e de Alejandro, quen será o padriño da súa primeira filla e editor de Rosalía.

Murguía, acababa de publicar a novela Desde el cielo, moi dentro dos gustos románticos de mediados do século XIX, unha novela que na volta dun ano acadou nove edicións e foi traducida a distintos idiomas europeos. Fai as súas primeiras colaboración na prensa ilustrada tratando todo tipo de temas, o que lle permite unha maior proximidade a todos os compañeiros e compañeiras de faladoiro. Aquel mozo era a grande promesa das letras e as familias galegas instaladas en Madrid, como os Chao ou os Avendaño, invitábano os seus salóns e reunións literarias, onde el, ademais de formarse a carón de homes como o pedagogo e diplomático don Joaquín Avendaño, partidario de que, en Galiza, os escolantes debían oír ós seus mestres falar en galego, é quen anima a Murguía a escribir o libro de lecturas infantís La primera luz.

E naqueles salóns, resplandecía con luz propia Elina, a filla de don Joaquín, con quen Murguía, un mozo de vinte e un anos, namoradeiro como era, ademais de falar dos seus artigos nas revistas de moda e sociedade tamén falaba de poesía.

E así, ou ben pola beleza da moza ou por estreitar a amizade co pai, Murguía dedícalle á rapaza, en xuño de 1854, unhas seguidillas, A nena das soidades, que ela gardou con aprecio no seu caderno, especie de álbum de lembranzas e diario, uns versos que un par de anos máis tarde, o 27 de febreiro de 1856, serán reproducidos no periódico vigués La Oliva, que dirixía o seu amigo, e futuro compadre, Alexandre Chao xunto con Juan Champanel. Un poema co que, segundo o profesor Carballo Calero, se inicia o Rexurdimento, ó adiantarse en nove anos á publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía.

Sen embargo Murguía non volveu a escribir en galego ata case corenta anos despois, o 24 de xuño de 1891: o seu famoso discurso dos Xogos Florais de Tui.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletatia, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


Ningún comentario:

Publicar un comentario