A copla popular proclama: Non hai amor máis firme, que o do gaiteiro e a gaita:/ eu sopro e ela toca,/ nin a engano nin me engana. Aínda así, hai que recoñecer, en palabras de Rosalía, que o gaiteiro tamén gusta doutros amores, como aquel repoludo que se na gaita sopraba eran tan doce soprar,/ que ben fixera en cantar/ aló pola mañanciña,/ —con este miña gaitiña/ ás nenas hei de enganar.
O gaiteiro leva a fama pero non anda só, sempre hai quen o acompaña, polo xeral xente da familia: O gaiteiro toca a gaita, / a muller o tamboril, / os fillos as castañetas; / Na miña vida tal vin. E o mesmo Castelao, citando ó de Soutelo, ó Avelino Cachafeiro, quen no ano 1924, con vinte e cinco anos, foi proclamado o mellor gaiteiro de Galicia, escribe: Velaí vén o Avelino cos seus irmáns, todos vestidos ó xeito enxebre, tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ó mesmo canciño de san Roque. O pai do gaiteiro, na porta da casa, botou un foguete.
A gaita, que acostumamos citar como o instrumento musical propio de Galicia, esténdese de norte a sur e de leste a oeste máis aló das nosas fronteiras. En cada sitio coas súas peculiaridades, con máis ou menos tubos, pero sempre con un fol para non perder o alento. Raro é o lugar do mundo que non conta coa súa, aínda que só sexa un punteiro unido ó fol. Dende a Anatolia ata os extremos fisterráns e dende Escandinavia ata distintos lugares de África. Pero se falamos dos países que máis estenderon a gaita polo Novo Mundo, estes son Escocia, Irlanda e Galicia. Nos centros da emigración americana sempre houbo un gaiteiro e unha escola de gaitas.
A parte da idea esa de dubidosa exactitude, de que a gaita xa a tocaban os nosos antepasados cinco centos anos antes de nacer Cristo, si é certo que é moi antiga, aínda que, coma todo, tamén ela evolucionou co tempo, como se amosa nas moitas representacións que se conservan. Sabemos que xa a usaban os fenicios e os romanos. Hai figuras medievais de gaiteiros en libros e esculturas, cadros famosos do Bosco ou de Brueghel, onde a gaita ocupa un lugar preeminente, e en Galicia temos unha gaiteira esculpida no capitel da igrexa de santa Mariña de Esposende, un gaiteiro na igrexa de san Francisco de Ourense, un monxe gaiteiro nunha das cadeiras do coro do mosteiro de Celanova e, no museo arqueolóxico do Castelo de santo Antón, na Coruña, consérvase o relevo dun anxo gaiteiro que pertenceu ó mosteiro de santa Catarina de Montefaro, en Ares, entre outros moitos.
E para reivindicar a importancia histórica e cultural que este instrumento aportou, a inglesa “The Bagpipe Society”, tivo a idea de celebrar cada 10 de marzo, dende o 2012, o día internacional da gaita.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario