Por Pepe de Rocaforte
O outro día ía ver unha persoa con quen quedara en falar dun asunto que agora non vén ó caso e ó entrar nas oficinas onde traballa achegueime a un señor uniformado, supoño que un conserxe ou algo polo estilo, e pregunteille onde podía ver ó señor Nóvoa. O home indicoume un corredor. “A última porta á dereita é o despacho do señor Novoa”, díxome. Seguín a súa información, chamei á porta indicada e non me respondeu ninguén. Insistín tres ou catro veces, sen ningún resultado. Achegueime entón á porta do lado e á empregada que me atendeu pregunteille se sabía se o señor Novoa non estaba no seu despacho. Ela miroume. “Non, o señor Nóvoa acaba de saír a tomar un café. Supoño que non tardará moito en volver” -informoume.
A reflexión, posiblemente fóra de lugar, que se me ocorreu mentres esperaba o regreso do señor de apelido con acentuación variable, foi que as dúas persoas que responderan ás miñas preguntas querían deixar clara a miña incorrección á hora de me referir ó cabaleiro con quen quería falar, dixéseo como o dixese, o cal, a xuízo deles, me situaría nunha posición inferior, detalle coa súa importancia se se daba o caso de eu chegar con intencións de facer algunha reclamación.
E de aí xa pasei a lembrar un texto da neuro-economista Hilke Plassmann, quen descubriu, ou redescubriu, que o mesmo viño sabe mellor se cando na etiqueta do prezo se le “noventa dólares”, en lugar de dez. «O prezo contribúe a que nos pareza que o viño sabe mellor -explica a profesora Plassmann-, pero é un prexuízo cognitivo de cómputos cerebrais que me din que debo esperar que sexa mellor e, a continuación, determina a miña experiencia de tal modo que, en efecto, aquel viño sábeme mellor».
Algo semellante sobre a extraordinaria calidade das cousas que se nos ofrecen á venda cun prezo un dez por cento máis elevado do que estimariamos como normal, sobre todo cando carecemos dun medio para valorar debidamente a cuestión, é algo que se me ten ocorrido de vez en cando. E non só a min, senón tamén a outra xente cun nivel de coñecementos máis ou menos similar ó meu. Pero claro, a nosa formación non dá para máis e daquela serame mellor calar para non pasar por un burrico sen unha mínima preparación para valorar as cousas importantes da vida.
Aínda que polo que respecta ó viño, agora, cando descubro que unha persoa, non unha calquera, coma min, senón unha profesora de Neuro-Ciencia da Decisión, segundo me informa o Señor Google sobre a profesión de dona Hilke Plassmann, e esa señora me di que o viño sabe mellor “por causa dun prexuízo cognitivo de cómputos cerebrais”, así a cousa xa cambia. Vamos, digo eu. E tan pronto teña acabada de pagar a hipoteca, unha das primeiras cousas que farei será comprarme unha caixa de botellas de viño de a noventa euros para arriba.
E xa lle contarei a vostede.
Ningún comentario:
Publicar un comentario