Por Pepe de Rocaforte
O outro día, cando lle daba un repaso a algúns nomes curiosos, dei con Apapucio, un santo(?) que na miña infancia entraba a miúdo nas conversas dos rapaces, non podo lembrar en que ocasións nin a propósito de que, porque non teño memoria onde gardar tanta minucia.
O tal Apapucio seica foi un santo de quen a día de onte, excepto o nome, ignorábao practicamente todo, polo cal, como fago case sempre en ocasións semellantes, axiña fun buscar información en internet, onde atopei algúns interesantes datos.
O primeiro texto que encontrei relacionado con San Apapucio, que por certo non aparece para nada na voluminosa “Lenda Dourada” de Giácomo de la Vorágine, pareceume de entrada un tanto desalentador («Apapucio, nome de orixe descoñecida»); pero logo o redactor animábase a se estender un pouco máis. E nese pouco máis refería que nun momento dado da súa vida o bo de Apapucio tomou a decisión de se retirar ó deserto para facer meditación e penitencia case completamente espido, supoño que por causa da forte calor reinante naqueles areais, debido á cal o único atuendo utilizado polo santo para protexer o seu corpo era un sombreiro, paréceme que de palla, na cabeza, e nos pés unhas sandalias, creo que de coiro de dromedario, para aturar a calor da area.
Desta guisa se atopaba o bo do santo eremita cando un día o demo, porque outro non podía ser, lle enviou de visita dúas mulleres lixeiras de roupa que seica andaban á busca dun sitiño ó xeito para tomar o sol e ver de se poñer un pouco morenas, porque non lle gustaba levar a pel máis branca que as cimas do Mulhacén e o Aneto.
Ó velas diante o santo ocultou rapidamente co sombreiro as súas partes pudendas. Unha das mulleres preguntoulle entón para onde quedaba o norte e o servizal Apapucio levantou o brazo correspondente para lle mostrar a dirección solicitada, momento que a outra muller aproveitou moi ladina para lle preguntar por que lado cadraba logo o sur. E daquela Apapucio levantou o seu outro brazo para lle indicar o novo enderezo solicitado.
Chegado a este punto xa vostede pode imaxinar, estimado lector, a postura en que ficou o santo, cos brazos en cruz e o sombreiro ¡¡¡prodixiosamente!!! suspendido no aire sen lle caír ó chao e deixarlle a gaita ó aire. Acababa de se producir un milagre divino. O Maligno fora, unha vez máis, derrotado.
Así e todo, despois desta experiencia Apapucio, por se acaso, decidiu abandonar o seu retiro desértico e, segundo apuntan informacións, para min non moi fiables, achegarse a Cáceres, onde fundou o seica hoxe coñecido como Mosteiro de San Apapucio, anteriormente Mosteiro de San Apolonio, punto tamén para min con escasa credibilidade.
Segundo a tradición, a San Apapucio os seus discípulos, supoño que despois da súa morte, aínda que de fixo non o sei, amputáronlle a minga desde a raíz ata o prepucio e procederon logo a cortala en rodelas que serían enviadas como reliquias ós distintos lugares onde era venerado o santo, reservando o anaco de maior tamaño do milagroso membro para a catedral de Castilla-La Mancha, que supoño que se tratará realmente da catedral de Toledo.
E aquí paréceme que será cousa de deixar esta historia porque as miñas dúbidas con relación ó caso son a cada paso maiores. E mellor será non proseguir coa historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario