xoves, 2 de marzo de 2023

VACUNAS ANTI-COVID E NENOS SALVAXES

 

Por Pepe de Rocaforte

 

Hai un par de días estaba sentado frente á pantalla do ordenador á espera de que se me ocorrese algo sobre o que escribir (e o primeiro que me vén á cabeza é intentar xustificar por que me empeño na utilización de “vacuna” en lugar de “vacina”. É sabido que a palabra procede de “vacuno”, “vacún” -relacionado co gando vobino- e o seu poder medicinal reside nun pus que se forma nos tetos das vacas, do cal procede o virus con que se combate a varíola. Na época anterior a aquela en que se empezou a utilizar “vacuna” ou “vacina”, non creo que a palabra se utilizase nin en castelán, nin en portugués, nin en galego. Os rapaces do meu tempo afixémonos á utilización de “vacuna” que, por outra parte, parece máis lóxica. De neno vacunáronme na escola en dúas ou tres ocasións coa anti-variólica, e así sigo hoxe. Pido desculpas).

Pero volvo ó caso: estaba frente á pantalla do ordenador cando me chegaron voces da televisión no cuarto do lado. Falaban do ex-médico Andrew Wakefield, investigador británico expulsado do rexistro médico por un artigo no que afirmaba falsamente a existencia dunha relación entre a administración da vacuna triple vírica e a aparición do autismo. Aínda que non é tema que eu teña preparación para tratar, se a vostede lle interesa, infórmoo da existencia de estudios que compararon a enfermidade en nenos vacunados e non vacunados en todo o mundo.

Entre os traballos máis relevantes hai dous realizados en Dinamarca. No primeiro, no cal participaron máis de 500.000 nenos, Moller Madsen e colaboradores observaron que o autismo era igual de frecuente en vacunados e non vacunados. En outro informe realizado polo equipo de Anders Hviid publicouse un estudio en 537.303 nenos con 738 casos no espectro do autismo. O estudio, publicado en abril de 2019, estudiou a relación entre a administración da vacuna triple vírica e o desenrolo do autismo en máis de 650.000 nenos daneses nacidos entre 1999 y 2010. Logo dun seguimento de polo menos doce anos demostrouse que a vacunación non aumentaba o risco de desenrolo de autismo.


E cambio de terzo porque o tema do autismo condúceme a nenos que tamén poderiamos incluír dentro dos rapaces con trastornos do espectro autista. Empezaría por citar a Mowgli, o neno salvaxe do “Libro das Terras Virxes”. É un caso sacado da literatura, pero na vida real temos o Neno Salvaxe de Aveyron, a quen é posible que vostede lembre, da película de François Truffaut “L’Enfant Sauvage”.

¿Era o Neno de Aveyron, un rapaz con autismo? Un médico novo, recén doutorado, Jean Marc Gaspard Itard, propuxo un programa de tratamento e educación do neno, que foi aceptado, proporcionándolle os medios necesarios para realizalo. En 1801 o mozo quedou baixo a custodia de Itard mentres elaboraba e aplicaba o programa do seu tratamento psicolóxico e readaptación, sen observar nel a presencia de autismo.

Outro caso, en certa medida similar, foi levado ó cine polo director Werner Herzog co título de “O enigma de Kaspar Hauser”. Kaspar, en quen tampouco se detectou un síntoma de autismo, foi un adolescente alemán famoso polo misterio sobre a sua orixe e a súa morte.

Pero acabando de citar estes casos, decátome de que neles non se pon en discusión a posible relación entre vacunación e autismo, de modo que será mellor deixar o tema. Así e todo, unha vez chegado aquí, rematarei co relato de dous casos un tanto curiosos, tamén de nenos.

O primeiro cóntao Herodoto, un cronista pouco fiable, segundo advertencia previa de quen refire a historia, que se desenvolve no século VII a. C.: Daquela o faraón Psantik illou, en plan de experimento para descubrir o proceso de formación da linguaxe, a dous nenos coa orde de que nunca se falase unha palabra diante deles. Os rapaces aprenderon a falar, non sei como, e a primeira palabra que pronunciaron foi unha coa que os frixios denominan o pan.

O outro caso é unha reprodución do anterior e ten como protagonista principal o emperador romano Federico II, na Idade Media. Este novo experimento buscaba descubrir a verdadeira “linguaxe natural” do home, pero os cativos utilizados no proceso morreron antes de ter dito nin a primeira palabra.

E, colorín colorado, por hoxe así queda a cousa.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario