Por Pepe de Rocaforte
Tres días despois da súa chegada a Santiago o viaxeiro Silveira da Mota saíu con destino á Coruña por unha ruta da que se veu obrigado a escribir: «En poucos sitios se deparan tantos sinais de indixencia como nas primeiras leguas que decorren desde Santiago á Coruña. Case non se encontran árbores, nin regueiros, nin lugariños, nin aldeas. Só de lonxe a lonxe aparece algún casarello, de onde saen bandos de crianzas, esfarrapadas ou núas, a pedir esmola. Dun lado a outro do camiño, exceptuando o val de Barcia, cuxo arboredo se avista ó lonxe, é todo monótono e triste, basto, montuoso, árido e ermo. A espazos vense cruces en memoria de homicidios. Noutras paraxes sinálanse algúns importantes, terribles episodios das guerras civís da España»... De modo que cando, no caír da tarde, entrou “na moderna capital de Galicia” polo risoño barrio de Santa Lucía, sentiu revivir a alegría na súa alma. A penas baixar do incómodo vehículo en que fixera a viaxe veuse asaltado por un bando de intermediarios que lle ofrecían distintos hoteis en dura porfía uns cos outros, case tan afanosos como os de «calquera das cidades xigantes, que se intitulan Londres, París ou Berlín».
Para evitar dúbidas,Silveira deixouse orientar pola súa “Guía de Galicia” e colleu o primeiro establecemento nela recomendado, a “Fonda de la Iberia”, onde por cama e mesa tiña que pagar cada hóspede a bagatela de cinco pesetas diarias. E alí, na noite do 28 de maio, sentouse frente ó papel para se preguntar, e tratar de responderse, se habería remedio para os males que este país padecía. «Estaba lonxe de poder avaliar con exactitude as necesidades e miserias, as vantaxes e esperanzas dos pobos de Galicia», confesa humildemente. Para eso, di, seríalle indispensable un estudio máis fondo, que unha viaxe de poucos días non pode proporcionar.
Porén, o viaxeiro atrévese a expoñer unhas breves reflexións sobre a grave enfermidade económica desta terra, da cal «a pesar da súa transitoria observación, distingue os síntomas con evidencia» e opina sobre a «mingua de recursos adecuados a incitar e manter o regular desenvolvemento das forzas vitais do país».
Conxectura Silveira que esta situación anómala que oprime sobre todo ós habitantes das zonas rurais, provén entre outras causas, das «insoportables cargas con que a pequena e mediana propiedade territorial está onerada. A vella raíz do feudalismo subsiste e vexeta aínda. A enfiteuse mantén as gravosas, absurdas, vexatorias cláusulas dos primitivos dominios directos e dos subsecuentes contratos. Os exorbitantes tributos converten case en servo do estado ó humilde agricultor. A emigración excesiva, a falta de seguranza persoal e real, a escaseza de crédito agrícola, e tal vez outras circunstancias, obstan a que a produción remunere congruentemente ós produtores».
De calquera xeito, Silveira é optimista; pensa que a crise dominante, posto que demorada e profunda, será tal vez unha crise salvadora. «Os camiños de ferro e as boas estradas serán poderosos incentivos para o desenvolvemento industrial»...
A Coruña gustoulle ó viaxeiro; e polo tanto botou nela máis tempo do que matinara en principio, razón pola cal tivo que deixar sen visitar outro punto previsto no seu itinerario: Ferrol. Cousa en verdade lamentable; ou que polo menos o portugués parece lamentar, aínda que non excesivamente, na relación da súa viaxe.
Da cidade herculina agradáronlle «as largas alamedas, as prazas espazosas, os longos peiraos que seguen as sinuosidades da ribeira, os elegantes palacios, as tendas opulentas e os balcóns envidrazados, que semellan tal vez armarios de museo», pero que lle dan fisionomía alegre a gran cantidade de casas.
A Coruña «alcanza primacía entre as cidades de Galicia polas excelentes condicións do porto, escala e emporio de amplo comercio, e pola cantidade e importancia dos establecementos fabrís». Así e todo Silveira non pretende afirmar que a actividade industrial teña adquirido aquí enormes proporcións, pero ademais das pequenas industrias, comúns a calquera poboación, hai bastantes fábricas, símbolo de forza e prosperidade, muíños, fabricación de vidro, de panos e de tabaco. «Esta é menos alegre e pintoresca que a famosa fábrica de Sevilla, mais lévalle vantaxe en procesos mecánicos, número de obreiras e calidade dos produtos.
Nos “extremos rochedos” da Torre de Hércules, a poucos pasos do “océano axitado e as ondas rumoreantes”, contemplando como o mar e o ceu se abrazan ó lonxe no horizonte, o viaxeiro portugués exclamou cara a aquela paisaxe maxestosa: «¡Bendita soidade, como eu te quero!». E logo ganou a volta para asistir, xa de noite, a unha función de teatro na que «unha compañía ·en xira por provincias representaba “Don Álvaro o la fuerza del sino”, obra na que a vehemencia de acción e de dicción perpetrou as maiores atrocidades contra os preceptos esenciais do bon senso e do bon gusto».
Cando saíu do teatro e sentiu o aire fresco da noite, e veu o ceu recamado de estrelas, Silveira da Mota tivo a satisfacción que nos alboroza «ó despertar dun soño de pesadelo».
Ningún comentario:
Publicar un comentario