Para quen queira que teña lido a novela de H. G. Wells, A guerra dos mundos, mellor sós ca mal acompañados. Aínda así, que un ET poida visitarnos non é críbel, a non ser que os habitantes dalgún exoplaneta gocen dunha esperanza de vida moi superior á das tartarugas e que, a maiores, dispoñan de naves capaces de adquirir a velocidade da luz sen que lles afecte a teoría da Relatividade. E aínda dándose todas esas condicións que no noso planeta son totalmente inalcanzábeis, o máis probábel é que, de viren, veñan como conquistadores armados da súa propia cruz e espada. Así que, sendo realistas, nin virán nin se esperan e mellor así, que xa bastante temos co noso como para que outros veñan a darnos a lata. Así pensa o amigo Xulio e convénceme. E iso a pesares de que os entendidos nestas cousas auguran (porque non se pode asegurar) que existen miles de civilizacións a todo o largo e ancho do universo. Pero están á insalvábel distancia de miles de anos luz.
Sen embargo, todo isto do contacto con extraterrestres, que está moi ben nas películas de ciencia ficción, segundo algúns entendidos podería levarse a cabo a finais desta década e de modo epistolar. Pero despois do dito, calquera con dous dedos de fronte e unhas nocións básicas de física elemental preguntarase como.
A noticia saíu da universidade de California, onde despois de revisar os periódicos do século pasado, houbo quen se decatou de que o cinco de setembro de 1977 despexou de Cabo Cañaveral a Voyager 1, unha sonda espacial que pode alcanzar os 700000 quilómetros por hora, levando abordo unha mensaxe gravada en disco de ouro, con un título tan roqueiro como “Os sons da Terra”, con voces, ruídos, debuxos e fotos que non sabemos se os alieníxenas que o atopen terán un aparello adecuado para lelo.
A verdade é que nin Carl Sagan, quen se encargou de deseñar o contido do disco, pensaba que alguén puidese dar con el nalgún lugar do universo, porque o disco ese foi mandado como a botella dun náufrago, esperando que alguén a atope ou que a marea a deixe na mallante como unha impoluta creba nesa inmensidade do espazo; e limitábase a dicir que mellor era consideralo coma unha especie de cápsula do tempo onde, ademais de gravacións de saúdo en distintos idiomas vai unha lista de sons terrícolas, de animais e efectos atmosféricos, así como o son do bico dunha nai, para que vexan os extraterrestres que aquí non todo son tiros de escopeta.
Os científicos que seguen o seu deambular intergaláctico supoñen que o disco xa chegaría, no 2007, ó campo de acción dalgunha das estrelas máis próximas, co que, se alguén o atopou e pertence a unha sociedade medianamente lista, xa puideron escoitalo e enviar de volta a contestación, sempre e cando ós da NASA non se lles esquecese poñer no sobre o enderezo do remitente, ben clariño e con boa letra.
E aínda supoñendo que dese cunha civilización con amplos coñecementos de lectura, escritura, informática e cálculo integral, que o oceánico universo ou as radiacións interestelares non borrasen o seu contido ou que nese deambular espacial non caese no pozo sen fondo dun buraco negro, ¿seremos nós tan intelixentes como para descubrir e ler o que unha civilización extraterrestre nos escriba?
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario