xoves, 10 de agosto de 2023

MÚSICA ALADA NO PARQUE

 


Por Pepe de Rocaforte



A semana pasada, entre unhas cousas e outras, quedáronme no teclado un par de datos interesantes, ámbolos dous relacionados co arquitecto luso-italiano Nicolau Nasoni quen, ademais de restaurar a catedral de Lamego, foi autor do proxecto do santuario da Nosa Señora dos Remedios e a monumental escalinata de 686 chanzos que une a igrexa co centro da cidade.

E por se acaso me esquezo cando escriba algo sobre o Porto, contarei xa que a obra tal vez máis famosa deste arquitecto foi a “Torre dos Clérigos” portuense.

E agora veño xa ó día de hoxe en Vila Real, "a Rainha de Trás-os-Montes". Un día no cal nas terrazas dos cafés da avenida Carvalho Araujo non hai quen pare coa calor por máis toldos cos que inutilmente se intenta protexer do sol ós parroquianos que degustan as súas consumicións de antes de xantar.

De maneira que, despois dunha lixeira libación restauradora, seguida do pertinente condumio, fun buscar as sombras do parque florestal, deixando para mellor ocasión a visita á casa do meu estimado Diogo Cão, o primeiro navegante europeo que se adentrou no río Congo. ¡Aqueles eran viaxeiros e non nós, turistas de expedición semanal por axencia de viaxes!

No parque recibiume un ben temperado concerto de trinos varios, como se alí estivesen concentradas todas as aves da rexión. Aves das que cheguei a sospeitar se se atoparían en nómina da Cámara Municipal, porque a cada novo paseante despistado, ou ansioso de sombra, que se aventuraba baixo a fronda parecía renovarse o brío cantor da paxarada, nuns rechouchíos retorneados e cheos de repeniques que a máis dun grupo de "Zes Preiras" lle meterían cobiza.


Como nin sequera aquela sombra era todo o refrescante que necesitaba, e o sospeitoso cheiro que ascendía do río Corgo non convidaba precisamente ó solago, busquei mellor remedio contra a calor vespertina na piscina de Codessais. Pero era esta unha idea tan xeralmente compartida que cando me acheguei alí puiden comprobar que, polo menos nesta época de pleno verao, aquela auga resultaba insuficiente para tanto vilarrealense ansioso de mergullo refrixerador como alí se chapuzaba.

Desde unha atalaia relativamente tranquila, afastado da auga case invisible entre tanta humanidade, constatei con curiosidade que os fillos dos emigrantes en Francia, Suíza e Bélxica formaban grupos entre si, distantes, arredados dos demais (¿para contrarrestar certo difuso sentimento, non sei se de superioridade ou de inferioridade?). Ben, fose do que fose, marcaban as diferencias conversando en francés.

Non era momento para pararme a filosofar sobre os beneficios ou prexuízos da emigración, nin sobre as dificultades de integración e os posibles traumas de quen non son nin de aquí nin de alá, en certo modo alleos en todas as partes. Así que, armado de decisión, abrinme paso entre todo tipo de corpos e traxes de baño, dei unhas brazadas na auga caldosa da piscina e, alá contra a tardiña, algo máis fresco, (e un pouco "escamado" polo asunto dos paxaros cantores do Parque Florestal) volvín para me internar con sixilo entre as árbores, xa sen xente polos paseos.

Non fun recibido por ningunha caste de trino. As aves non detectaran a miña presencia, o que me fixo supoñer que, ou ben eu eludira astutamente a súa vixilancia, ou ben xa remataran a xornada laboral.

Porque, efectivamente, debían ser funcionarios do concello da capital de Tras-os-Montes (ou Tra-los-Montes, como seica os portugueses o escribían antes), e figuraban en nómina co cometido de amenizar o percorrido vacacional dos visitantes que alí chegaban en procura dunha boa sombra vexetal. Todo un detalle a agradecer.

Finalmente, de xeito imperdoable, non intentei a visita á Casa Mateus, a uns catro quilómetros do centro da cidade, cun fermoso xardín como antesala dun palacio barroco deseñado polo xa familiar arquitecto Nicolau Nasoni e propiedade desde a súa fundación da familia Sousa Botelho, que con este apelido non podían ser menos que uns importantes bodegueiros, pero ¡ollo! Non confundir o viño “Mateus Rosé” cos viños de “Casa Mateus”. A min non me pregunten por que: non son enólogo, nin teño un padal especial para atopar moitas diferencias entre uns e outros caldos.







Ningún comentario:

Publicar un comentario