xoves, 3 de agosto de 2023

A festa necesaria


Sempre me lembro de mi tía María cando chegan estas datas, cando camiñar polas rúas de Ribeira semella andar por algún deses lugares ateigados, onde ata para pasear tes que levar bucina e intermitente. É o inconveniente destes días de asueto que ela resumía cunha frase que toda a familia recorda: “nas festiñas de agosto móese o corpo e descansa a cabeza. E así, tanta festa pode esgotar, pero relaxa”.

Talvez porque as crises da pesca o mandaron ó largo da historia e foron marcando o noso devir, vivimos nunha bisbarra onde unha das industrias máis potentes é a da emigración, polo que o momento de reencontro coa terra é nestas datas de vacacións estivais, cando mi tía María, con esa sabedoría que só se aporta cos anos dicía que, en terra de emigrantes o turrón había que reservalo para o verán e a estes meses debíanlle meter algún “R” para facer máis apropiadas e gorentosas as mariscadas de acordo co refraneiro. Daquela, ¿que mellor data para celebrar ca cando a veciñanza se multiplica e as horas do día non chegan para tanto reencontro?. Porque cando hai xente hai alegría, e como bos animais gregarios que somos, ós coñecidos da veciñanza e dos veraneantes, xúntaselle nestes días o público festeiro da bisbarra, que non quere perder troulada, xa sexa coa desculpa de escoitar algún concerto, bailar nunha verbena ou simplemente tomar as copas cos amigos que se presten para acabar co corpo esgotado e a cabeza liberada das preocupacións laborais.

Tan necesario como o pan noso de cada día é a nosa festa de cada ano, cando os labores do campo e do mar, se non remataron, permiten un lixeiro alivio, e é o momento de descansar aínda coa desculpa de darlle grazas ás divindades polos bens recibidos, como antigamente se facía con Ceres, a deusa da agricultura, despois de rematada a sega; e se as datas non cadran cunha onomástica recoñecida, tráese o santo á data e se fai falta ata se lle inventa algunha divina intervención en favor da veciñanza. porque as divindades que nos vixían tamén son moi ciumentas, e se non reciben o aprecio e cariño que demandan emperrenchanse contra os devotos mortais. Por iso non é raro que en plenas festas de Ribeira se volva a festexar á patroa dos mariñeiros, aínda que xa foi sacada en procesión quince días antes.

Son días, sobre todo, de trasnoitar, pois algo ten a festa que o seu apoxeo sempre é nocturno, e metendo a cabeza debaixo da almofada soportamos as bombas da alborada e ós madrugadores músicos con gaitas e trompetas percorrendo as rúas para avisar, por se alguén non o sabía, que estamos de festa. Algúns con tan mala uva que che obrigan a saír á fiestra para contemplar con ollos choscos un amencer que non volveremos a ver en todo o ano. Son días de longas mañás pedindo silencio e repouso, días nos que ata o piar dun paxariño ó alborecer se fai molesto, por iso os actos relixiosos acostuman a ser despois do mediodía, cos fregueses descansados e recuperados da troula nocturna.

A festa pide alegría sen que falte a música e a comida, xa dende tempos inmemoriais, dende moito antes de que xograres e trobadores, para rexouba e diversión do público, afinasen os seus cantos, incluíndo os de escarnio e mal dicir que nós herdamos, aqueles en que, por facer a gracia, provocaban a ira da persoa sinalada con palabras gordas, sen melindradas nin panos quentes, contra os seus atributos sexuais ou indicando os goces máis íntimos que o sinalado prefire calar. Cantares que ó largo dos séculos, con mellor ou peor gracia, foron cedéndolle un sitio no escenario a cantigas tan sonadas e picarescas como A saia da Carolina, o erótico Caneco, a daquel cura que non bailaba porque tiña unha coroa ou a do Manoliño a quen levaron preso por ter o aparato teso, que todos cantamos algunha vez.


Así, entre santos e demoños, tanto hoxe como antano, a festa faise necesaria e esparéxense polo Malecón, para recuperar folgos, corpos e mentes.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no suplemento das festas de Ribeira 2023, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).



Ningún comentario:

Publicar un comentario