xoves, 24 de agosto de 2023

UN HEROE POUCO COÑECIDO

 

Por Pepe de Rocaforte

 


Levo cousa de cincuenta anos vivindo en Monte Alto, preto da Torre de Hércules e do vello cárcere coruñés, para o cal alguén fixera xa hai certo tempo a proposta de convertelo nun “Museo dos Faros”, cando á vista do que hai, o seu destino máis probable sexa rematar na máis definitiva ruína.

            En fin, ó que ía: ó longo deste medio século levo vividas unhas cantas traxedias marítimas arredor da península da Torre. Acórdome do incendio e afondamento do Urquiola en 1976, á entrada da baía coruñesa. Daquela, a metade da poboación de Monte Alto debiamos estar alí, entre Punta Herminia e o Cemiterio dos Mouros, asistindo sen sabelo á morte entre as chamas do capitán do petroleiro, veciño do barrio ademais.

            Produciríase logo pola mesma zona, en 1992, dezasete anos máis tarde, o naufraxio do “Mar Exeo”, que embarrancou xusto ó pé da Torre de Hércules no medio dun forte temporal. (Para quen non estea moi ó tanto destes xigantes do mar, direi que o “Urquiola” medía de largo (eslora) 276 metros, e de ancho (manga) 39 metros. Pola súa parte o “Mar Exeo” tiña 261 metros de eslora e 40 de manga. Moito bicho de Deus para manobrar. Daquela a sorte dos coruñeses foi o de soprar o vento do sur, porque, se chega a vir do norte, media cidade sería presa do lume.

            O desastre do “Prestige” en 2002, aínda que non se produciu xusto na Coruña, tampouco foi lonxe da cidade, afectando a toda a costa galega, así como a española do Cantábrico e boa parte da portuguesa e a francesa. E de como nos tocou a nós en particular aínda podo eu contar algo, que daquela andei por Laxe e Malpica rascando os “hilillos de plastilina” de don Mariano Rajoy.

            Pero tamén debo confesar que me sentín polo menos tan afectado por outros casos sucedidos nesta contorna, aínda que non tivesen igual resonancia informativa. Poño por caso a morte en 2012 do mozo eslovaco Tomas Velicky, estudante cunha bolsa Erasmus na universidade da Coruña, que morreu afogado na praia do Orzán, xunto con tres policías nacionais que intentaban rescatalo das ondas. Ou, sobre todo, a duns nenos de aquí do barrio, que nos pasados anos oitenta unha tarde foran xogar nas penedas da que agora chaman praia das Lapas e nunha furna ó pe da Torre, onde estaban enredando mentres subía a marea, quedaron atrapados e alí morreron sen recibir axuda porque ninguén se decatou da súa situación.


            Todo esto veume á memoria nunha conversa co amigo Manolo Lafuente, camiñante habitual do Paseo Marítimo no tramo que vai do ·Milenium ó Portiño, con quen o outro día estiven de palique e me falou de José Manuel Villa López.

            ¿E quen é José Manuel Villa López? A non ser os seus veciños do Portiño, hoxe, cando anda polos setenta anos, pouca xente sabería dicir quen é este home que en 1975, sendo pouco máis que un rapaz das Lagoas de Monte Alto, que nadaba coma un arroás e cruzaba a nado a enseada do Orzán para ir xogar cos rapaces que se xuntaban na outra banda, alá por Riazor, salvaría no mar unha vida nun día de forte temporal.

En setembro de 1975 este percebeiro hoxe xubilado converteríase nun heroe cando, con pouco máis de vinte anos, se botou á auga nas rompentes por debaixo de onde se atopa a sirena de néboa da Torre de Hércules para lle salvar a vida a unha monxa que paseaba con outras dúas compañeiras pola beira desa punta onde rompen as ondas, unhas rochas que os percebeiros coñecen e temen. Sen pensalo dúas veces, o mozo botouse á auga e conseguiu suxeitar a muller ó cabo lanzado desde un helicóptero que chegara para axudalo no rescate.

Aquel rapaz recorda hoxe o feito sen lle dar maior importancia. Lémbrase de que era un domingo e que o accidente se produciu a eso das cinco da tarde pouco máis ou menos e que uns días máis tarde foi condecorado cunha medalla que non sabe onde a ten. E así vive hoxe en día Cholo, como o coñecen os seus veciños.

-Hoxe falei con el; un home moi amable -cóntame Manolo Lafuente-. Querido e admirado polos seus veciños, que canto el lles conta, considérano case palabra de Deus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario