sábado, 5 de outubro de 2024

Soños e pesadelos

 

 

   É de supoñer que diante dun gato deitado ó sol ou á calor dunha estufa, todos nos preguntamos se nese seu prolongado sono tamén soña. De non ser así, a vida dun gato, e sobre todo destes que temos como mascotas, encerrados nun piso e alimentados con produtos de supermercado, debe ser moi aburrida.

E de soñar ¿con que soñan os animais? Á fin os soños son estampas que se nos representan en función das nosas vivencias. Quen nunca viu diante un lobo nin tivo acceso a ningunha información sobre el, non vai ter pesadelos que llo lembren, e do mesmo xeito, se un gato nunca viu un rato diante nin catou unha espiña de peixe, malamente vai soñar con eles, nin os botará de menos, co que perderá un dos maiores praceres que aportan os soños: ter ó alcance da man, ou da pata, algo desexábel e gorentoso. E do mesmo xeito, se non sabe que existen os cans, tampouco terá pesadelos.

Así mesmo, cando quedamos embelesados vendo durmir a un bebé cabe preguntarnos con que soña, ou se ten os mesmos soños ós dous días de nacer ou ó cabo dun mes, cando as experiencias vitais apenas se limitan a chupar da teta e que lle muden os cueiros, dado que nos soños tamén hai unha evolución que é froito das propias experiencias.

A pregunta non é nova, e moi recentemente, uns biólogos mariños, tras case duascentas horas de gravación nun arrecife brasileiro, concluíron que os polbos, tan pouco estimados como animais de compañía, soñan e teñen pesadelos. E así se publicou nunha revista tan seria e fiábel como National Geographic, onde nos aseguran que observaron como aqueles, mentres durmían, cambiaban a cor da súa pel, tal que estivesen camuflándose ante algún perigo. O que denota que non só soñan, senón que incluso teñen pesadelos. Pero os amigos do parladoiro dos xoves, non se conforman con iso e van máis aló; a eles preocúpanlle as súas mascotas. ¿Soña o xílgaro con verse libre dos barrotes da gaiola? ¿Soña o can con pasear sen correa? ¿Soña o hámster con liberarse da roda en que dá voltas eternamente sen chegar a ningures? E se soñan todo isto, ¿saben eles que é un soño ou ó espertar andarán preocupados, pesarosos ou intranquilos polo soñado? Non me imaxino que pode  facer un mastín tras soñar que o amo o maltrata.

Xa hai algúns anos, no convento dos franciscanos de Santiago, coñecín a un freire que tiña na súa cela un canario ó que mantiña coas reixas da gaiola sempre abertas. O paxaro andaba por toda a estancia e incluso se asomaba á fiestra, pero sempre volvía a onde tiña o comedeiro. Cando lle advertín: “Padre Maxín, váiselle escapar o canario”, el respondeume moi sereno: “¿e onde vai ter mellor vida que aquí?” Seguramente en ningures. Aquel canario non coñecía outro mundo máis aló da fiestra da cela, e por iso non se aventuraba a fuxir. Aínda que agora, despois de ler ese artigo sobre os soños e os pesadelos dos polbos, dáme por pensar que quizabes, aquel paxariño, polo que vía máis aló da fiestra tomoulle medo ó mundo e o que tiña eran pesadelos incluso cando estaba esperto; pois aínda querendo a liberdade, tamén a el lle daba medo a responsabilidade que esta supón.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario