Un veciño palmeirán, emigrante en USA, cóntame que alí os republicanos acusan os demócratas de pór a progresistas nas bibliotecas o que me lembrou aqueles anos en que por moi mal que ardesen, os libros acababan na fogueira, seguindo aquel consello que se recolle no Eclesiastés da Bíblia, que o moito ler é un castigo para o corpo, ou cando advirte: “Teme a Deus e observa os mandamentos, iso é todo o que se precisa”. Bo é que logo chegou Tomás de Aquino recomendando terlle medo ós homes dun só libro. E fixérono santo.
Non queda lonxe aquel tempo en que as librarías tiñan un cuarto secreto ó que se accedía con salvoconduto, ou cando para pasarlle un libro a un amigo había que facer un percorrido por etapas camuflándoo de tenta en tenda ou de bar en bar para despistar á policía, sempre vixiante para que non nos contaminásemos coas “malas” ideas que viñan do estranxeiro.
Hai algúns anos, no metro en Madrid ou en Barcelona, unha alta porcentaxe dos viaxeiros ía lendo algún libro, agora van mirando o móbil. E eu sigo pensando que os mellores libros son aqueles que lemos sen estar obrigados a facelo e nos sorprenderon, o cal non nega a sentencia do bacharel Carrasco, ou quen queira que antes del o dixera, que non hai libro malo, porque ata estes nos ensinan o que non está ben.
Nos meus primeiros anos de instituto, a persoa encargada da biblioteca do centro nin se molestaba por aconsellarnos lecturas, para ela era unha actividade máis, non sei se remunerada ou non, e eu pasaba, motu proprio, dunha biografía de El Cano a unha selección de lendas ou unha aventura de Xulio Verne. Escollíaos por curiosidade, e son dos que máis reteño na miña memoria.
Supoño que quen agora se encarga das bibliotecas de colexios e institutos será máis atento cos usuarios. Aínda así os índices de lectura están moi por debaixo do desexábel. Ós alumnos recoméndanselle lecturas que moitos resumen cun “corta e pega” sacado desa páxina auto denominada el rincón del vago, para xustificar un aprobado inútil. Porque a lectura obrigatoria só fomenta aborrecemento e antipatía.
Dinme que a consellaría de educación, para levantar as estatísticas, pretende aplicar nos centros educativos unha hora de lectura. E benvida sexa, pero habemos de preguntarnos se vai ser de lectura libre, se vai ter exames, se só é para fomentar o debate ou para quitarlle ós cativos horas de recreo. E se dubido da súa eficacia, é porque non é o mesmo ler por obrigación ca facelo accedendo ó libro por curiosidade tras algún debate, por consello dun entendido ou dunha charla entre amigos, por iso estimo tanto os clubs de lectura onde os debates nos abren fiestras insospeitadas. Na miña última experiencia como invitado a un deles, aínda que o tema central era o valor das cartas, acabamos falando da importancia das redes e da idade a partir da que armar ós adolescentes con teléfono móbil. Que tamén é un tema interesante.
Os libros son manancial de conversa, e como aconsellaba con certa sorna Leonardo F. De Moratín, sempre é bo ter a man un libro, aínda que só sexa para baterlle con el ós ignorantes.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario