sábado, 10 de maio de 2025

As montañas e a divindade

               


Por ese vello costume de supor que os deuses habitan en estancias celestes, os altares sempre están nalgún lugar alto, e as capelas tamén procuran algún outeiro onde os devotos tratan de aproximarse o máis posíbel a esa suposta morada celestial. Con iso cumpríase coa premisa fundamental de amosarlle ós devotos o difícil que é encontrarse cos divinos seres nos máis altos cumes do mundo. Por certo, un atranco que lle impide ou complica o acceso a anciáns, enfermos e eivados.

Exemplos desta preferencia polos outeiros non faltan, pois se os clásicos nos falan do Olimpo cos seus pazos para Zeus e toda a familia, sen saír da nosa bisbarra temos a santo Alberte, quen herdou dalgún predecesor seu o alto da Conlleira, en Ribeira. Abraham non fixo o seu famoso sacrificio á porta da casa, senón que subiu ó monte Moria, para estar máis preto do seu deus, e o mesmo Moisés tivo que subir ó Sinaí para recibir as ordes divinas gravadas en pedra. Así mesmo, nas igrexas, o altar tamén está nun lugar máis alto, ó que se accede, polo xeral, por un número impar de chanzos, non só para que os fieis vexan o ritual, senón tamén para simbolizar esa aproximación á morada divina.

No monte Carmelo, onde é fama que a Virxe inspirou a un grupo de monxes para fundar a orde dos carmelitas, había un altar dedicado ó deus da Biblia, pero antes, no mesmo lugar rendérase homenaxe ó deus Baal adorado por fenicios e caldeos como deus da fecundidade.

En Petra había que subir mil chanzos de escada para acceder ó lugar onde era máis doado ter contacto coa divindade, e fóra do mundo greco latino tamén maias e aztecas buscaban para o seu contacto cos deuses os lugares máis elevados posíbeis, naturais ou construídos por eles.


Pero cando o acceso ó monte non é doado, ou os crente non están polo labor, entón é a divindade quen baixa a encontrarse cos seus devotos, como cada segundo domingo de maio se celebra no cruceiro de Moldes, na Pobra do Caramiñal.

Segundo a lenda, ante a imposibilidade de pór orde nun grupo de rebeldes e descridos, foi o mesmo Xesús quen baixou dende a Curota para amoestar a aqueles, e no seu paso por Moldes encontrouse con súa nai, quen lle pediu que non fose moi duro co castigo. A lenda é moi coñecida: despois de ver o pouco respecto que os moradores da mítica cidade de Valverde lle prestaban a Xesús, este decidiu castigalos ó estilo do deus do Antigo Testamento, como  en Sodoma e Gomorra, cunha chuvia de lume e pedras que sepultou a cidade no que algúns pensan que hoxe son as dunas de Corrubedo, e cando a Virxe contemplou a magnitude da desgracia, virouse de costas ó mar proclamando con doídas palabras: “Non quero ver tal nin tal ver”. Algún experto en toponimia debería aclararnos se o nome do lugar de Bretal deriva ou non desa frase apocalíptica.

Do que xa non falan as lendas é de se Xesús volveu á súa morada pasando de novo ó lado de súa nai e se, de facelo, ela lle dixo algo, porque como fillo non foi moi obediente que digamos. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario