sábado, 27 de xuño de 2026

Atención médica

    



A semana pasada, a señora Sen-Consolo (nome ficticio), en idade provecta e dependente de quen a atenda, tiña cita para unha proba médica no hospital de Santiago, a case sesenta quilómetros da súa casa, para a que debía ir en xaxún, e cando chegou dixéronlle que o médico estaba en folga e non a podía atender. Que xa a chamarían para darlle unha nova cita.  

Todos temos dereito á folga, vistamos de funda azul ou con bata branca, pero imaxínome o cabreo que colleu o fillo, quen tivo que faltar ó traballo e facer o día anterior unhas horas extras que non lle van pagar, para que a súa ausencia non repercuta nos compañeiros. Un simple SMS avisando podía evitar tanto despropósito.  


Outra señora, chamémoslle Sen-Esperanza (tamén de nome ficticio), está pendente dunha operación, para o que antes ten que facer un TAC, pero por mor da folga, do peche de camas en época estival (como se por ser verán a xente non enfermase) e outros inconvenientes que alongan as xa de por si longas listas de espera, aínda non a citaron, e mentres tanto está de baixa, agravando a doenza e pasando días con molestias e desesperación, cando xa lle adiantaron que, collida a tempo, unha vez intervida, poderá reincorporarse ó traballo coma nova. E logo aínda haberá quen diga que a xente colle baixas para non traballar. 

Hai quen lles recomenda, a unha e outra, que vaian pola privada, para adiantar, polo menos as probas, que é o que fan todos cando o Sergas se demora en atender ós clientes, perdón, ós pacientes, que a saúde é o primeiro e tal e andando. Pero, pregunta a desesperada señora, para que está ela pagando a Seguridade Social todos os meses se logo aínda ten que pagar un médico a maiores, porque se vai pola privada, o Sergas non se vai facer cargo dese gasto, aínda que debería por neglixente atención.


E se ben a saúde para cada quen é o primeiro, parece ser que tamén é o último para quen xurou hipocraticamente que nunca atentará contra a saúde dun doente.

Falabamos de todo isto e moito máis no noso parladoiro dos xoves, casos que calquera pode multiplicar sen necesidade de esaxerar, porque en canto falas dun aparecen outros cen. E Xulio, que sempre anda cargado de anécdotas, falounos de cando, con tres anos, rompeu unha perna. Lembra, porque llo contaron moitas veces, que foi un venres pola tarde. Levárono a Santiago e no hospital vello atendeuno un coñecido médico que se desculpou por non poder escaiolalo ata o luns por falta de persoal, a non ser que fose á súa clínica privada, onde esa mesma tarde lle puxo o óso no seu sitio a troco do santo parné. Pero claro, aquilo foi en plena ditadura.


Tamén o fillo da señora Sen-Consolo, en pleno século XXI con todos os avances e dereitos que a democracia nos ofrece, despois de xurar en arameo, buscou a consulta privada do doutor en folga e pediulle cita explicándolle o seu caso e os problemas laborais que lle causaba; e moi amablemente o señor galeno atendeuna, cobroulle a súa tarifa como bo profesional e prometeulle apurar o seu caso.

Para que logo digan que a Seguridade Social é gratis.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 




sábado, 20 de xuño de 2026

O velo e os embozados

 



Hai uns anos, a unha compañeira prohibíronlle acceder á basílica do Vaticano por ir con pantalón curto. Tivo a sorte de que alguén lle prestou un fular para usalo a modo de saía (moi sexi) e así puido entrar.


Que unha rapaza, por cuestións culturais, leve un pano á cabeza non é malo. Todos tivemos algunha avoa (das de antes) que o levaba. Aínda lembro a máis dunha veciña que, despois de que o Concilio Vaticano II eximise ás mulleres de entrar na igrexa con velo, elas seguían usándoo, xa fose por costume ou por crenza. Outra cousa moi distinta é o das embozadas tras un burka que atenta contra a dignidade da persoa que o leva, moitas veces contra a súa vontade.

Tamén entre nós, na Idade Media, obrigábase ás mulleres casadas a tapar o pelo e a finais dos anos sesenta do pasado século producía certo escándalo ver mozas en bikini nunha praia, tanto ou máis ca que levasen pantalón. Non lle facían mal a ninguén, pero ían contra os vellos costumes e as voces da veciñanza son moi estritas. Máis grave foi a que se armou no Porto do Son, durante a incipiente democracia, cando algúns decidiron practicar nudismo nunha paradisíaca praia e foron corridos a paus.

Unhas veces por moito e outras por pouco a vestimenta nunca foi do gusto de todos. Aí temos o histórico “Motín contra Esquilache”, cando os madrileños saíron a protestar contra el ata que conseguiron botalo fóra do país, por non entendelos e prohibirlles embozarse con aquelas capas que tan ben pintou Goya, que subindo o colariño só deixaban á vista os ollos e ninguén podía saber con quen se cruzaba na rúa. Realmente pesaba máis a carestía do pan e da fariña, pero os madrileños botaban por diante que non lles deixasen vestir como eles querían.


Agora, cando vemos nas nosas vilas, cada vez con maior frecuencia, rapazas e mulleres inmigrantes con prendas que pensábamos desterradas, impostas por motivos pseudo-relixiosos, por homes celosos de que outros ollos vexan o que consideran propiedade súa, recoñecemos unha discriminación de claro matiz machista polo que cabe preguntarse que significa a liberdade e se estamos retrocedendo.


Hai uns meses deuse a nova de que Irán, cuxo réxime ten recoñecida fama de integrista, suspendía a lei pola que se obrigaba ás mulleres a usar o velo; e non sei por que pero penso que aínda así, velos e burkas seguirán usándose, algunhas por convicción e a maioría por imposición dalgún marido ou pai que non está por eses modernismos de que as súas fillas e esposas ventilen a melena, e aínda berrarán escandalizados “¿a onde imos chegar?”.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 13 de xuño de 2026

Cara á desaparición do papel

 



A principios da década dos anos noventa do pasado século, unha coñecida compañía especializada en ofimática ofrecía os seus produtos como o maior adianto tecnolóxico cara a oficina sen papeis. Falábase daquela da cantidade de árbores que non sería necesario talar e do bo que iso é para o medio ambiente. Era o momento en que se popularizaban os ordenadores e os arquivos informáticos, pero aínda así, esa mesma compañía tiña unha sección dedicada a vender resmas de papel; iso si, con unha nota ben rotulada en cada paquete anunciando que por cada tonelada de papel a compañía plantaba non sei cantas árbores.

O certo é que oficinas sen papeis só as vin nas películas, porque a realidade é outra cousa. Por algunha razón, por costume ou por inercia para non perder os vellos usos, seguimos fiándonos máis do documento impreso ca dun arquivo electrónico, sempre máis exposto ó ataque dalgún virus informático ca o papel a ser pasto do lume, da humidade ou da couza. O cal non impide que o único papel que entra na miña caixa de correo sexa de propaganda comercial; de feito xa hai anos que non pego un selo, e todas as cartas me chegan vía eMail.

 

Cóntanme que dende o parlamento europeo sacaron unha normativa co fin de diminuír o consumo de papel ata nas caixas de medicamentos, de cara a que dentro de catro ou cinco anos desapareza o prospecto dos mesmos e se substitúa por un código QR, ese que os xaponeses inventaran para control de fabricación, e que significa “Resposta Rápida”. A verdade é que o prospecto médico só debemos de lelo catro rariños, pois sempre é máis clara a explicación da farmacéutica ca esa inutilidade de receita de difícil lectura e de abusiva letra pequena. Non é o único caso. De feito, moitos aparellos de nova fabricación, tales como coches ou lavadoras, xa trocan o libro de instrucións por un simple QR que, unha vez descargado pon no teu teléfono móbil ou no ordenador o manual que se precisa.


Nos restaurantes, xa é habitual trocar a “carta de menú”, por ese cadradiño de cadrados en branco e negro, de cinco centímetros de lado impreso nunha esquina das mesas para que o cliente escolla os seus pratos sen necesidade de agardar ó camareiro. E eu boto en falta aquelas carpetas que che poñían diante en canto sentabas, e o primeiro que mirabas era o viño que ías pedir ou o prato principal, antes de aconsellarte co camareiro.

Agora os QRs están en todo, dende as cartelas dunha exposición de arte ás explicativas e informativas diante de monumentos artísticos e arquitectónicos, o que nos obriga a levar o móbil sempre na man, como caxato de invidente. Nesa disputa entre letra impresa e letra electrónica, xa se ve máis xente lendo ebooks ca armatostes de papel impreso. A este paso teremos revistas dunha única páxina que, debaixo do titular veña o código QR para quen queira ler o artigo, e iso si que vai aforrar papel.

Pero o amigo Xulio, home da vella escola, cando entra nun museo ou nun lugar turístico, sentíndoo moito polas árbores, o primeiro que procura é o folleto en papel, que lle dá máis confianza e ademais permítelle facer anotacións. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).






sábado, 6 de xuño de 2026

San Gaudí

  



Un amigo, de viaxe por Europa, mándame a foto dunha tal santa Emma de Gurk, para ver que sei dela. Nada. Como moito só lle podo dicir que era unha ricachona austríaca que aló polo século X empregou a súa fortuna en fundar varios mosteiros, cousa que a Igrexa lle agradeceu meténdoa no santoral, coma sempre, a título póstumo e representando a súa imaxe coa maqueta dun convento.

Coma esta, hai moitas outras santas, santos, bispos ou nobres que lle deixaron á Igrexa (para maior riqueza que non gloria) grandes propiedades, financiadas co seu peculio ou tras convencer a algún doante para que soltase o parné.

 

Como a iconografía representa a cada santo co atributo polo que máis destacou, é de supoñer que cando remate o proceso para facer santo a Antonio Gaudí, poranlle na man a maqueta da Sagrada Familia de Barcelona, un templo do que el dicía que era unha obra encomendada por Deus.

O finado papa Francisco, convencido da “profunda fe e espiritualidade” do arquitecto catalán, deixou pendente o expediente de beatificación por falta de tempo, e aínda que todos sabemos o importante que foi na súa profesión, ademais de ser un home modesto e moi relixioso ata o día da súa tráxica morte, un dez de xuño de 1926, tras ser atropelado por un tranvía de camiño a unha cita co seu confesor. Tras o accidente, inconsciente e mal ferido levárono a un hospital de pobres porque as roupas e o porte facíalles crer que era un indixente. Así era de humilde.


Pero, ademais de ser un dos máis grandes arquitectos da historia, ¿que outros méritos ten para acadar a santidade? Á fin, nin doou ningunha fortuna para rematar a obra, nin buscou a quen a financiase. Crentes coma el hai moitos e arquitectos de igrexas e catedrais non faltan na historia da arte; o mesmo mestre Mateo, talvez quen mellor interpretou o Máis Alá, ten sobrados merecementos para subirse a unha peaña, e sen embargo ficou de xeonllos na porta da catedral. Hai moitas persoas que dedicaron a súa vida a engrandecer o patrimonio artístico da Igrexa que, sen ser santos, foron recoñecidos incluso dende antes de morrer.Pero como só a Igrexa sabe o que mellor lle convén en asuntos de santidade, non vou ser eu quen poña en dúbida os méritos de Gaudí, merecedor de todos os galardóns habidos e por haber, ademais de engalanarse coas “virtudes heroicas” que lle recoñeceu o papa; e a quen eu lle engado un milagre oficiado unha tarde de 1980, cando, xunto con un compañeiro zaragozano, cruzamos, sen permiso e con moita curiosidade, os valados que protexían a construción da Sagrada Familia, e o garda soltounos os cans facéndonos saír por patas; pois quen sabe se ata non sería intervención do santo Gaudí que aqueles mastíns non nos trabasen por mostrar interese pola súa obra. E cando o teñamos na peaña da santidade, ¿de que será avogoso?, ¿talvez dos atropelados? E de compartir algún padroado, ¿farao con san Lucas por artista, con san Xosé por artesán ou con san Tomé por arquitecto. Sigo pensando que a Gaudí non lle fai falta que o suban a ningunha peaña para que todos o adoremo per saecula saeculorum por todo o que deixou feito.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).