sábado, 24 de xaneiro de 2026

Cando pensan por nós

 

                      


Empecemos por dicir que os aparellos de intelixencia artificial (IA) parécense máis a un animaliño ben adestrado que a unha persoa, e se o adestrador é un mal becho, o aparato non vai ser un santo. Hai uns meses, un avogado, en Barcelona, botando man do seu ordenador de última xeración con algunha aplicación xurídica de IA, descargou a responsabilidade da súa nefasta intervención no aparello que lle ofreceu un feixe de citas inventadas. ¡Pobre defendido! Se o resto do tribunal non se decatase dos erros.

A tendencia natural é que outros fagan por nós. Dende que Watt inventou a máquina de vapor todo se foi mecanizando e aqueles brazos alimentados a pan de millo que vogaban sen descanso, agora só necesitan un dedo para arrancar o foraborda. A tecnoloxía vén para axudarnos, pero, coma todo, ten os seus límites, como tiñan e teñen os tractores dende cando empezaron a substituír ás vacas, os carros pasaron a adornar os xardíns e o arado de pau a ocupar unha vitrina nos museos; tampouco daquela dubidou ninguén do avance que traían, pero antes houbo que aprender a manexalo e a controlalo para que non se desmandase. E coa IA pasa o mesmo.

Estamos no principio dun novo cambio tecnolóxico, con aparellos que ata pensan por nós, o que non deixa de meternos medo, pois que nunca se sabe se realmente van resultar intelixentes ou uns mandados, se van actuar sensatamente, se coma un pícaro ou coma un arroutado, se con caridade ou usura, sempre dependendo de quen os programe; e se estes aparellos son capaces de pensar por si mesmos, ¿poden aprender, como as persoas, dos propios erros? ¿E de aprender farano para ben ou para mal? ¿Van ter sentimentos?.


Agora é cando nos lembramos de HAL 9000, o súper computador de Odisea no espazo, capaz de sentir ciúmes e de argallar todo tipo de maldades coa súa vociña cándida e actitude suíña en competencia directa coa intelixencia humana, o que nos lembraba a eses tipos arteiros que baixo o manto da amabilidade planean as maiores traizóns do mundo. Aínda non estamos nesa fase, pero como dicía aquela zarzuela, os tempos adiantan que é unha barbaridade. E dannos medo porque xa non sabemos de que fiarnos; dende esa advertencia de non contestar ó teléfono con un “Si”, porque poden clonarnos a voz e usala para argallar algún tipo de timo telefónico, no que ese “si” daría o consentimento a calquera trapallada, ata convencernos de que son reais eses atletas que circulan polas redes, capaces de desafiar as leis da física como aquel avogado desafiou as leis xurídicas.

En teoría, a intelixencia Artificial vén para axudarnos, tal o motor foraborda ou o tractor, pero, como todo, ten a súa cara e o seu reverso. Depende de quen a use e para que. Estase metendo en todo e temos que fiar moi fino para dar por certas moitas das noticias que aparecen nas redes sociais.

Como non nos vai enganar a nós, simples peóns cargados de medos e desconfianzas se ata para procurar unha segunda opinión, fiámonos máis dunha pantalla de internet ca dun profesional de carne e óso. Á fin, a IA coma calquera de nós, depende de quen teña por mestre.

   Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario