Paseaba en animada conversa con un amigo cando un monopatín case se esnafra contra nós, nun deses carreiros de madeira, co ancho imprescindíbel para que dúas ou tres persoas poidan camiñar á par. E berreille: “este camiño é para peóns”. O patinador continuou e esperoume ó final do paseo de Coroso, para ensinarme un sinal onde se advirte de que é un lugar compartido entre patíns, bicicletas e camiñantes. “Iso é unha anarquía”, dixen, con perdón para os ácratas. Outras veces é unha bicicleta quen vén timbrando para que lle deixemos paso, en actitude non acta para cardíacos, precisamente nestas chamadas rutas do colesterol.
Evidentemente non teño nada contra estes aparellos que facilitan a mobilidade en vilas e cidades; incluso penso que ata son bos para a saúde, ademais de beneficiosos para o peto e o medio ambiente. Pero por todos eses motivos, o lóxico sería que se regulase o seu uso, aínda que moitas veces, entre o lóxico e a lóxica semella que se abre un abismo de incomprensión, pois mentres esta nos invita a pensar que eses vieiros e as beirarrúas son para viandantes, o outro anima a bicicletas e patíns a afastarse dos coches aínda que poñan en perigo ás persoas paseantes.
Tan complicado é iso da lóxica, que a UNESCO dedícalle o día catorce de xaneiro, aínda que sexa pensando máis nos asuntos da razón científica ca nestes outros da convivencia. Á fin, a lóxica, que entra en todas as ramas do saber, é ter cabeciña, que é o primeiro que se lle pide a quen ten que regular os usos viarios e a quen os usa.
A idea desta celebración creouse para fomentar a súa ensinanza e a súa comprensión; lembrando que en tal día de 1901 naceu o matemático Tarski, quen teorizou sobre a metodoloxía científica; e no mesmo día de 1978 morreu Gödel, quen demostrou que moitas das proposicións que todos damos por acertadas e lóxicas, non sempre se poden demostrar.
Xa. Iso é un rollo. Máis claro foi Tomás de Aquino, quen chegou á conclusión de que a lóxica dirixe os actos mesmos da razón para facernos proceder con certo orde. Algo que non sempre se entende ben, por exemplo cando unha medida salomónica, como esta dos paseos marítimos, nos leva a facer algo egoistamente incómodo para os máis vulnerábeis.
Falando do asunto Xulio recordounos que unha vez máis, nada é branco ou negro, e lembrounos a aquel rei castelán chamado Pedro que era o Cruel e o Xusto segundo quen falase del, ou aqueloutro Fernando, para uns o Desexado e para outros o Felón. Cada súbdito tiñas as súas razóns para alcumalo. Creo que con este señor naceu o bipartidismo e esa mala idea de que non pode haber medias tintas. E volvemos a esa pelexa entre os que xustifican unha cousa e os que sempre defenderán o contrario aínda que a razón o negue, para obrigarnos a discutir sobre o mal comprendido libre albedrío.
Pero está ben que a lóxica teña o seu día para que nos decatemos do necesario e difícil que é razoar acertadamente e da súa importancia para os avances sociais e científicos. Asemade, tamén para entender a necesidade de corrixir cousas tan simples como o uso das zonas peonís.
Francisco Ant. Vidal


Ningún comentario:
Publicar un comentario