sábado, 17 de xaneiro de 2026

Uns ollos vivos que pensan

 

                        


O amigo José Antonio Lojo fálame moitas veces da fotografía como unha narrativa, como unha maneira de contarnos unha historia. Non será a primeira vez que me pasa algunha foto doutras épocas, e con elas un anaco da historia da nosa parroquia e da memoria de persoas que xa non están con nós. A fotografía ten o valor de inmortalizar as nosas vidas, sen máis adorno que o que ven os ollos, cando non se meten polo medio as manipulacións electrónicas, por iso é o máis fiel documento que posuímos para axudarnos a entender o pasado.

Así, con un título tan significativo coma o que encabeza esta colaboración, foi unha exposición sobre a obra do fotógrafo José Suárez que percorreu distintos lugares dentro e fóra da península. Se mal non lembro a última foi no museo de Belas Artes da Coruña, no 2018, e agardo que se repita este ano, cando a Academia Galega de Belas Artes lle dedica a súa homenaxe, cuxos actos centrais serán o primeiro de abril, pero con celebracións ó largo de todo o ano.

Das moitas fotografías súas que podemos lembrar, talvez esa do neno coa maqueta dunha dorna, sexa a máis icónica. A foto foi sacada en Bueu, pero podía ser de calquera lugar das rías de Arousa ou de Muros e Noia, un rapaz coa mirada fixa no futuro, que rotula como “Javiota” á súa embarcación, facendo alarde da gheada que nos caracteriza.

José Suárez ía para avogado, pero seu pai tivo a boa idea de regalarlle unha cámara de fotos cando aprobou o bacharelato, e logo, xa en Salamanca, coa cámara pegada ó ollo, empezou a recoller todo aquilo que lle chamaba a atención. A súa cámara converteuse na memoria visual dunha época; e así, el, que podía acabar vestindo toga e barrete, acabou percorrendo o mundo na procura da realidade, do que lle tocou vivir, para inmortalizalo. Son famosas as súas fotos de Unamuno, pero a min, particularmente, chámanme máis as de tema etnográfico sobre oficios e oficiantes galegos, sobre todo as de mariñeiros, sacadas no Morrazo e Rianxo, cando traballaba coa compañía cinematográfica CIFESA nalgúns documentais sobre os oficios tradicionais; ou as que ilustraban un artigo de Blanco Amor sobre as romarías galegas.

No 1936, vese obrigado a exiliarse na Arxentina, onde se relaciona coa intelectualidade española e galega, traballa para a prensa e remata esa película sobre mariñeiros que empezara pouco antes de comezar a guerra. Non volverá a España ata 1959, como correspondente da prensa arxentina. Pero o cine seguirá formando parte da súa actividade laboral.

Ó largo dos anos tocou moitos temas, viu moito mundo a través do obxectivo, pero para este allaricense, o mar, e máis concretamente os mariñeiros galegos sempre estiveron presentes, como foi na exposición O mar e o home nas costas galegas, que presentou en Bos Aires en 1948.

Sen dúbida, paga a pena volver a ver esas fotografías que lle dan luz á memoria doutros tempos. Ver o rostro resignado dun pesco cargando coas redes en contraste con aquel neno orgulloso da súa dorna, é o máis fidedigno relato do que para moitos dos nosos veciños foi a súa vida, esperanza e resignación.

Sen dúbida, aí tamén está a nosa memoria.

Francisco Ant. Vidal

 (Ete artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario