Dun tempo a esta parte a Semana Santa converteuse nas ansiadas vacacións de primavera. O que noutrora era un tempo de recollemento e silencio, transformouse nun espectáculo de procesións e praias, de encapuchados e mantillas, listos para saír na foto, onde pelexan entre si a devoción de uns, o lucimento de outros e a curiosidade da maioría.
Para estes días de asueto, todos os concellos, de cara á afluencia turística, afánanse por ofrecer espectáculo, diversión e entretemento contando coas actividades parroquias, para que veciños e visitantes, devotos e esmorgueiros, desfruten por igual cada quen ó seu xeito, que descansen e carguen pilas para a volta ó traballo, para o seu particular viacrucis.
¿Cantas veces non usamos esa palabra para sinalar unha etapa difícil da vida? Usámola como sinónimo de sacrificio, sobre todo cando se agarda un final incerto, pero estes que se practican en Semana Santa só son un recordatorio do martirio de Cristo que, por aquilo de que a mellor maneira de lembrar algo é practicándoo, a algún daqueles primeiros cristiáns que vivían en Palestina acorréuselles repetir o camiño da Paixón como un acto máis de lembranza.
Ninguén está para pasalo mal, e lembrar o sufrimento de Cristo non implica que se repita ó pé da letra.
Logo aquel costume foi traído a occidente, adaptándoo as circunstancias impostas polo terreo, unhas veces percorrendo as catorce etapas fronte a imaxes enmarcadas dentro das igrexas, outras rodeando algún templo ou santuario coas estacións sinaladas, e moitas outras facendo a subida a algunha capela con parada diante duns cruceiros ou capeliñas onde se representan as escenas da Paixón, algunhas delas verdadeiras obras de arte dignas de calquera museo, fronte ás que os devotos rezan e escoitan a explicación pertinente sobre cada unha desas etapas que Xoán Paulo II ampliou a quince.
Tales percorridos vense en moitos santuarios galegos, nalgúns casos convertidos en verdadeiras ascensións que non todos os crentes poden completar sen correr o risco de que lles dea un desfalecemento, porque se ben o Calvario non era un monte como tal, senón máis ben un outeiro nas aforas da cidade, algún destes onde hoxe se practica o viacrucis son verdadeiros ascensos ó Tourmalet. Estou lembrando o que hai na subida a Chamorro, en Ferrol, o que sube ó castro de Santa Tegra ou o de Louro. Verdadeiras rotas de sacrificio ás que agora xa podemos sumar a subida á Curota, que nos volven a propoñer para o Venres Santo ás dez da mañá e que vai gañando adeptos.
Pola miña parte, coma cada ano, por non perder vellos costumes, tiña pensado pasar unha tarde vendo, unha vez máis, Ben-Hur, o verdadeiro viacrucis dun xudeu bo, neste tempo en que só citar a ese pobo nos trae á mente as maiores atrocidades de que é capaz un ser humano. Xa todos coñecedes a súa historia: foi traizoado polo outrora seu mellor amigo, convertido en defensor dun imperio irrespectuoso cos pobos que conquista e somete. Esa película segue estando de actualidade.
Pero como xa anunciaron que van facer, igual ca o ano pasado, ese peculiar viacrucis a medio camiño entre a devoción e o hiking, con saída dende Moldes, igual me apunto, porque o meu médico non fai máis ca recomendarme camiñar.
Francisco Ant. Vidal

Ningún comentario:
Publicar un comentario