sábado, 7 de marzo de 2026

Emigrantes e desarraigo



Asisto nun bar de Ribeira a unha conversa na que un veciño nonaxenario nos conta das marabillas e logros do seu fillo en USA. E non é para menos se coñecemos a historia deste ancián, a súa chegada clandestina, ó pouco de casar, con algo máis de vinte anos, como desertor dun cargueiro en rota entre Europa e Nova York, á procura dun emprego que lle dese carta de residencia pasando polo aro dalgunha mafia e temendo ser deportado en calquera momento, ata que catro ou cinco anos despois regula os papeis e xa pode reclamar á esposa e ó fillo que vai á escola e acaba conseguindo un traballo ben remunerado. O pai e a nai volven para pasar a súa xubilación na terra, pero o rapaz, por razóns laborais non pode vir todo canto quixese. Os netos, mentres eran cativos, aínda pasaban os veráns cos avós, pero agora ou non poden ou prefiren viaxar por outros lugares. Os bisnetos xa nin saberán o nome daquel pioneiro.

A emigración existiu sempre. E o desarraigo tamén. A procura dun mellor lugar para vivir provocou, dende que a humanidade existe, un fluxo de xente na procura da prosperidade propia e dos seus sucesores pero tamén o esquecemento do lugar de orixe, o desarraigo.

Emigrantes que lle ofreceron un futuro digno ós seus hai moitos ó largo da historia. Non sei se se pode considerar a Séneca un emigrante en Roma, á fin foi a onde tiña máis posibilidades de prosperar, ou os emperadores Traxano, Adriano e Teodosio, hispanos que acadaron o máis alto status social do imperio. Supoño que estes tres tivérono máis doado ca outros, como o auriga lusitano Diocles, que chegou a gañar o equivalente a dez mil millóns de euros de hoxe en día, ou Borea, un dos máis afamados gladiadores do seu tempo, de orixe galaica. Ningún deles o tivo doado para chegar a onde chegou. Pero as carreiras aséntanse, unha veces sobre os chanzos que armaron os seus antepasados, e outras arriscando a propia vida ata acadar a “nacionalidade”, pensando sempre nas xeracións vindeiras que, co tempo, acabarán esquecendo a orixe dos seus proxenitores.


A emigración nunca foi mala. Polo menos para a maioría, permitíndonos que o sacrificio dos avós redundase en beneficios posteriores. E para exemplo aí temos a descendentes de galegos coma o presidente arxentino Alfonsín, o cubano Castro ou o boliviano Paz Pereira. Ata o papa León XIV parece ser que ten algún antepasado galego. Está visto que esta nosa terra de emigrantes tamén aportou algo ó devir do mundo. Como os irlandeses, os bávaros ou os italianos.

Supoño que se nos miran ben todos temos un ramal fóra da nosa vila. E se imos a USA, todos os seus presidentes, dende que acadaron a independencia, foron fillos de emigrantes. E incluso aquí, temos que agradecerlle ós país de Nico Williams e Lamine Yamal que os seus fillos colaborasen no triunfo da campiona de Europa de fútbol. Ou, xa máis de preto, ¿cantos barcos de Ribeira non quedarían en terra se non fose polos inmigrantes que teñen enrolados?

Pero tanto con estes coma con aqueles, chamémoslle exiliados económicos, só hai que agardar tres ou catro xeracións para que se esquezan de onde teñen a súa orixe.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).



Ningún comentario:

Publicar un comentario