sábado, 14 de marzo de 2026

Eucaliptos e outras industrias

  

Foto: J. Ricardo Vidal

Hai árbores que xa son tan nosas coma o carballo. Ver os eucaliptos de Insuela (Palmeira) ou “O Avó” de Viveiro morando entre nós dende hai máis dun século, non é o mesmo ca pisar a terra seca e falta de vida dun eucaliptal onde nin sequera nacen os cogomelos, e só é rendíbel para quen vive do negocio da madeira dende un despacho e sen necesidade de romper o lombo limpando o monte.

Dicíanos un paisano que a mesma superficie dedicada a pasto dá moito máis traballo e ás veces menos rendemento a curto prazo, pero á larga pode ser un negocio para varias xeracións; por iso, se por un lado lamentamos que non se aproveite ese terreo para prados, cultivos ou madeiras máis nobres, pero de crecemento máis lento, tamén entendemos a quen desexa deixar as vacarizas para ser empregado fabril, cobrar unha nómina e deixarse de rompedoiros de cabeza.

Aínda así, a madeira galega, maioritariamente de eucalipto, expórtase a todo o mundo. O principal comprador témolo en Portugal, pero séguenlle Islandia, China, Suecia, Francia, Italia, Líbano e Emiratos Árabes, uns para facer táboas e outros para facer papel, por moito que a electrónica se esforce en substituílo por pantallas, agora que a xente prefire ler o xornal no seu ordenador, as novelas nos libros electrónicos e as cartas envialas por email.

Así entendemos a tantos mariscadores lamentándose despois das chuvias deste inverno, cando viron como morría unha alta porcentaxe de berberecho e de mexillón, por exceso de auga doce, a dicir dos entendidos. E iso que só foi durante algo máis de corenta días. Agora só hai que imaxinar como sería se esa auga saíse dunha fábrica durante todos os días do ano e, moi posibelmente, mesturada con residuos e sustancias tóxicas.


Tivo que chover para comprender que quen percorreu a ría de Arousa a toque de bucina contra a instalación dunha factoría a carón do río Ulla, non estaba contra a industrialización, senón contra aquelas que fagocitan a outras xa instaladas. Pensar que por mor desa contaminación, moitas das conserveiras terían que mercar o mexillón e o berberecho fóra, tamén sería unha advertencia para entender que a eses empresarios sairalles máis a conta mudarse a preto de onde teñan a materia prima, afectando con ilo ó noso tecido industrial.

Ninguén quere que se pechen as fábricas, pero ¿a quen lle interesa unha fábrica de papel? Neste país, onde tanto presumimos do verde, ben podemos evitar o enfrontamento polos intereses de distintos sectores se sabemos recoñecer que industrias son adecuadas e cales non. Á fin, os beneficios e a utilidade duns e outros tamén son función do respecto que manteñen entre si, sen se impoñer a toda unha cultura e tradición, mariñeira e mariscadora, que emprega a amplas capas da sociedade a ambas as dúas bandas da ría, en diversos oficios, pero tamén a moitos gandeiros que necesitan prados limpos para que a carne das tenreiras galegas siga tendo a boa fama que ten.

Cando nos opuxemos á instalación dunha pasteira, non estabamos contra a industrialización, senón, pola contra, protexendo directamente o tecido produtivo e industrial asentado entre nós dende hai moitos máis anos ca os que teñen os eucaliptos de Insuela e o Avó de Viveiro xuntos. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 



Ningún comentario:

Publicar un comentario